Ir o contido principal

Oitenta decanos de Economía e Empresa reúnense esta semana en Santiago

A fase final da Olimpíada Española de Economía xuntará a finais de xuño os mellores estudantes de secundaria

A Conferencia Española de Decanas e Decanos de Economía e Empresa (CONFEDE) reunirase en Santiago este xoves e o venres para procurar acordos, transmitir información de interese e artellar a opinión do colectivo. Á xuntanza esta prevista a asistencia de 80 representantes de facultades de toda España.

A CONFEDE constituíuse no ano 1998 en Albacete e forman parte dela as decanas e os decanos das facultades e centros autorizados para expediren e impartiren os diversos títulos oficiais en Economía e Administración e Dirección de Empresas. Así, a CONFEDE, que se reúne dúas veces ao ano, funciona como favorecedor da cooperación entre facultades de economía e empresa.

Olimpíada Española Outra cita importante enmarcada na celebración do 50 aniversario dos estudos de Economía en Galicia será a fase final da X Olimpíada Española de Economía, que terá lugar os días 25 e 26 de xuño en Compostela. Nela participará o alumnado de segundo ano de secundaria que superou as distintas fases zonais, 3 estudantes por cada unha das 45 universidades implicadas.

A Asociación Olimpiada Española de Economía é quen organiza este evento que procura a divulgación dos estudos de Economía e Economía da Empresa; premiar o esforzo e a excelencia académica dos estudantes de bacharelato e establecer e fortalecer vínculos estables entre a ensinanza universitaria e os outros niveis educativos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.05.2018.