Ir o contido principal

Oito anos de discursos sobre o papel

De esquerda a dereita, Francisco González, Manuel Puga e Senén Barro
De esquerda a dereita, Francisco González, Manuel Puga e Senén Barro
O ex reitor Senén Barro presentou o seu libro Campus Vida: Da virtude necesidade que edita o Consello Social da USC

Son 25 os discursos que o ex reitor da Universidade de Santiago, o catedrático Senén Barro Ameneiro, escolleu para dar forma ao libro Campus Vida: Da virtude necesidade que, como se fixo cos seus predecesores no cargo Ramón Villares e Darío Villanueva, edita o Consello Social da USC. Sobre o título do volume o propio Barro explicou na presentación na Casa da Concha, á que acudiron moitos dos integrantes dos seus equipos reitorais e do actual, que a inversión dos termos da coñecida expresión foi algo consciente. “Convencidos de que o proxecto Campus Vida era necesario, virtuoso e incluso indispensable -explicou- ían aparecendo atrancos de todo tipo na súa ideación”, de aí que tivésemos que facer “da virtude necesidade” para “conseguir que as dificultades fosen desaparecendo”. A súa tenacidade para conseguir o Campus Vida da USC destacouna no acto o vicerreitor de Investigación e Innovación, Francisco González, para quen Barro non só lle deixou á institución este logro senón agora tamén sobre o papel as súas reflexións “que deixan entrever como no seu mandato estivo sempre disposto a facer cambios e propostas arriscadas”. “O seu éxito é evidente”, rematou. No mesmo senso pronunciouse o presidente do Consello Social, Manuel Puga, que gabou este terceiro volume da colección por ser “unha magnífica película do acontecer universitario” dese período no que Barro “deixa patentes os logros pero é quen tamén de identificar publicamente as debilidades”. Trátase, dixo, dun texto “reivindicativo, raiando ás veces a teimosía, que defende a autonomía universitaria e sempre preocupado polo financiamento da educación superior”. Prólogo de ministros Para a edición, o ex reitor contou con prólogos do ex ministro de Educación, Ángel Gabilondo, da ex ministra de Ciencia e Innovación, Cristina Garmendia, e do presidente da Conferencia de Reitores de Universidades Españolas, Federico Gutiérrez-Solana. Todos eles destacan o emprendemento, a responsabilidade social, o espírito reivindicativo, a implicación, o compromiso, o diálogo e a internacionalización como as sinais de identidade de Senén Barro como reitor da institución compostelá.

O volume estrutúrase en tres bloques: un primeiro cos discursos de toma de posesión dos dous mandatos (2002 e 2006) e o de despedida como reitor en 2010; o segundo cos lidos nos actos de apertura do curso académico e das festividades de San Tomé de Aquino; e un terceiro final con seis discursos de especial significación para Barro como os do acto de honra ao persoal da USC represaliado, o Premio Fonseca a Stephen Hawking, a investidura como honoris causa de James Cronin e Alan Watson, a entrega da Medalla Mecenas á Fundación Barrié e as inauguracións do edificio Emprendia e do Museo e Casa do Coñecemento lugués.

Senén Barro

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2012.