Oito grupos participan este ano no XV Festival Internacional de Teatro Universitario que se desenvolverá en Lugo dende o día 24

O Campus de Lugo abre novamente as súas portas ao Festival Internacional de Teatro Universitario da USC, que este ano chega xa á súa décimo quinta edición e que arrincará o próximo día 24 coa participación na cidade de oito grupos. Así o anunciaron este mércores algúns dos representantes das entidades que conforman o Convenio Lugo Cultural da man do vicerreitor de Cultura, Elías Torres, a concelleira Concepción Burgo; o delegado provincial da Consellaría Xoán Xosé Molina e o responsable de Cultura da Deputación Provincial, Antón Veiga.
O festival, que se desenvolverá simultaneamente no Campus de Santiago, inclúe oito representacións, sete adultas e unha orientada ao público infantil, unha por día ata o 30 de marzo, agás o día 29 que haberá dúas. Será a Compañía da USC do Campus de Lugo a que abrirá as representacións, o día 24 ás 21:00 horas, coa posta en escena da obra ‘Susie’, de Carol López, no Auditorio Gustavo Freire. Pechará esta edición o Grupo Mariscastaña, da Universidade de Vigo, coa obra ‘Hide’.
Entre estas dúas citas figuran varias representacións que teñen a vida como elemento común, segundo apuntou a encargada da Oficina de Cultura do Campus de Lugo, Paloma Lugilde. Así, as obras que se poderán ver na cidade son ‘Un xenio corrente’, do grupo de teatro Moct Teatp da Universidade do Estado de Moscova (Rusia); ‘El Lazarillo’ de Teatro Rodante, da Universidade de Porto Rico; ‘La tempestad’, da Escola Superior de Arte Dramático de Murcia; ‘Abuelos. Las cerezas de la memoria’, da Aula de Teatro da Universidade de Alacante; ‘Rescuita e o Reino dos Sentimidos’, da Universidade de Vigo; e ‘Xogos á hora da sesta’, da Aula de Teatro da USC.
AccesoTodas as representacións serán de entrada gratuíta e terán lugar no Auditorio Gustavo Freire. Haberá autobuses para asistir que saíran desde a Escola Universitaria de Formación de Profesorado ás 20:15 horas, e desde o Pavillón Central da Facultade de Veterinaria ás 20:30 horas.
O vicerreitor destacou a relevancia que ten esta cita cultural, na que ano a ano participan grupos de distintas partes do mundo e que xa está “completamente asentada na programación universitaria apoiada por Lugo Cultural, un consorcio importante para a promoción teatral neste caso, e que pon de manifesto que o teatro universitario que sempre está asociado a principiantes e amadores, en absoluto está reñido coa calidade”.
Concerto LubicánDous dos compoñentes do grupo Ophiusa, Ramón Feáns e Paulo Gacio, avanzaron na mesma rolda de prensa o repertorio do seu primeiro álbum, ‘Paos’, editado baixo o selo independente Leilear, que será presentado en concerto este xoves 12, enmarcado tamén na programación do Convenio Lugo Cultural, dentro da segunda edición do ciclo Lubicán.
A actuación será ás 21:00 horas no Círculo das Artes. Trátase do terceiro concerto que se celebra neste ciclo en 2009, que manterá a súa cita cada cuarto xoves de mes para ofrecer ao público lugués a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións.
Ophiusa está formado por Ramón Feáns, Paco Nogueiras, Antonio Presedo e Paulo Gacio. O grupo naceu a mediados do ano 1986 e durante case dez anos amosou o seu traballo en escenarios diversos e mesmo realizaron dúas xiras polas illas británicas nos anos 1988 e 1990. No ano 1995 o grupo fixo unha paréntese que durou dez anos volvendo a xuntarse a finais do ano 2005 e renovándose coas experiencias acumuladas por cada un deles nas diversas bandas e formacións musicais polas que pasaron nestes anos, “o que nos permitiu investigar novas texturas sonoras dentro da música tradicional”, explicou Ramón Feáns.
‘Paos’ é un repertorio do século XXI onde se combinan diferentes influencias estilísticas coas posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías. O álbum recolle o son dunha marcada identidade galega, no que se mesturan os diferentes ritmos das músicas populares globais e onde se fai “unha homenaxe ás cousas cotiás”.
Os concertos do ciclo Lubicán continuarán o 30 de abril coa actuación de Abraham Boba, na Escola Universitaria de Formación do Profesorado.