Ir o contido principal

Óliver Laxe salienta a ‘coherencia” do Campus de Lugo coa súa provincia, chamada a ser “pioneira"

Óliver Laxe, nunha paisaxe cervantega
Óliver Laxe, nunha paisaxe cervantega
O cineasta de raíces cervantegas e director de ‘O que arde’ lembra que “o futuro está na Terra” e anima aos estudantes a “buscar a felicidade sen medos” na elección da súa carreira universitaria
Lugo

O cineasta con raíces nos Ancares (Vilela, Cervantes) Óliver Laxe salienta a “gran coherencia do Campus de Lugo” da USC cunha provincia que pode ser pioneira en moitas cousas, dado o seu fecundo patrimonio material e inmaterial, e anima aos futuros estudantes universitarios a “buscar a súa felicidade e a autorrealización persoal sen deixarse levar polos medos”.

Coa experiencia xa acumulada e cunha mirada da vida universitaria ben configurada logo de completar a súa formación en catro universidades diferentes, o galardoado director de ‘O que Arde’, reflexiona sobre as potencialidades formativas, tecnolóxicas e de I+D que depara para o presente e para o futuro a oferta académica do Campus Terra da USC, unha sede universitaria asociada a valores transversais como a sustentabilidade, o conservación do medio ambiente e, entre outros, a defensa do medio rural.

Implicado de cheo no proxecto de restauración ambiental e dinamización do medio que está a desenvolver en Casa Quindós, na aldea de Vilela, Laxe recoñece que “o traballo que estou a facer aquí é un proceso creativo, é case paisaxismo ou escultura na paisaxe, unha tarefa moi estimulante, estruturadora e sa, como todo o que se fai no campo”.

Esencia rural

“Eu son cineasta, pero se tivera que volvera  a elixir, creo que daría o paso de optar por un traballo máis relacionado coa miña esencia”, unha procedencia rural estreitamente ligada coa figura do “pastor, gandeiro, agricultor... como herdeiro desta casa e sempre ligado a este val dos Ancares lugueses”. Daquela, engade, “hoxe estudaría unha carreira agronómica ou, en todo caso, ligada coa Terra.”

Alén dos vencellos de sangue coa terra dos seus antergos e logo de non poucas manifestacións públicas e traballos creativos de éxito que acreditan as súas achegas a prol e en defensa do medio rural, Óliver Laxe recoñece sentir “unha responsabilidade á hora de enfocar os meus estudos e as miñas producións cara a traballar e por en valor este espazo natural desde o punto de vista da enxeñaría forestal, agrónoma e paisaxística, pois o sector primario é o futuro e xa estamos a ver que é o que pon o mundo en movemento”.

Nunha mensaxe audiovisual tecida a cabalo dos seus proxectos persoais e as solucións técnicas e tecnolóxicas e o coñecemento que absorbe do Campus de Lugo da USC no eido da robótica, drons, proxectos de silvopastoreo, sistemas de peche de fincas, instalacións agropecuarias... Óliver Laxe convértese no protagonista que dá voz en pon en valor a grella de títulos de grao impartidos pola USC na sede universitaria luguesa no marco dunha campaña audiovisual baixo o cancelo #Reseteaoteumundo e coa chamada ‘A natural é a elección máis normal’, a través da que convida aos futuros universitarios a priorizar a conservación do medio ambiente, patrimonio natural, benestar animal e, en definitiva, as ciencias da vida e da saúde, á hora de escoller unha carreira, a fin de contribuír así a garantir o equilibrio do planeta e a normalidade.

A participación altruísta do finalista da última edicion dos Premio Goya á mellor dirección nesta campaña de promoción do Campus Terra da USC e, por extensión, de posta en valor do medio rural da provincia de Lugo, remata co ofrecemento de Casa Quindós, a Asociación Río Ser e demais socios cos que colabora, a traballar man con man coa comunidade universitaria luguesa a fin de favorecer a posta en práctica de proxectos científicos e de enxeñaría, optimizar os usos da terra e as súas potencialidades, porque “aí está o futuro”, sentenza.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2020.