Ir o contido principal

Once empresas asinan coa USC o convenio de participación no POP en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética

O reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, asinará este luns, día 8, un convenio de colaboración con once empresas e a Facultade de Física para a realización da primeira edición do Programa Oficial de Posgrao (POP) en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética.
As empresas que asinarán o convenio, ás 10:00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, son AA Solar Fotovoltaica SL, Appluscorp, Ariema, CIS Madeira, Ferroatlantica, Isofoton, Itega, Meteogalicia, NEP, Sogama e Sumisal, ademais da propia Facultade de Física. O acordo establece as bases de colaboración entre cada entidade e o posgrao nos eidos investigador e de emprendemento así como no referido ás prácticas dos alumnos nas empresas.
Inauguración do MásterO Máster en Enerxías Renovables e Sustentabilidade Enerxética correspondente a este POP inaugurarase ese mesmo día, o luns 8, nun acto a celebrar ás 12:00 horas na Sala dos Reis do Parlamento de Galicia e que contará coa presenza da súa presidenta, Dolores Villarino. Nese acto de apertura intervirá tamén o vicerreitor de Oferta Docente e Espazo Europeo de Educación Superior, Máximo Plo, e a decana da Facultade de Física, Ángeles López. Deseguido, o director do Grupo de Cooperación de Sistemas Fotovoltaicos do Instituto de Enerxía Solar da Universidade Politécnica de Madrid, Eduardo Lorenzo Pigueiras, pronunciará a conferencia inaugural.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2007.