Ir o contido principal

A oposición entre trazos funcionais e non funcionais dos seres vivos “pode levar a investigación científica a unha rúa sen saída”

A evolución non ocorre nun baleiro ecolóxico, senón en contextos ecolóxicos e o obxecto de estudo en Ecoloxía, a diversidade en diferentes niveis, é a consecuencia da evolución. FOTO: Santi Alvite
A evolución non ocorre nun baleiro ecolóxico, senón en contextos ecolóxicos e o obxecto de estudo en Ecoloxía, a diversidade en diferentes niveis, é a consecuencia da evolución. FOTO: Santi Alvite
A investigadora da USC Mar Sobral constata no artigo ‘All Traits Are Functional: An Evolutionary Viewpoint’ que todos os trazos dos seres vivos son funcionais e que varían segundo as múltiples posibilidades ecosistémicas nas que os organismos se implican ou ás que se ven sometidos
Santiago de Compostela

Os seres vivos posúen trazos que os caracterizan e que determinan a súa supervivencia e reprodución. Tal e como sucede coas palabras, que poden adquirir múltiples significados ou matices dependendo do contexto no que se insiran, estes trazos denominados como funcionais  varían segundo as múltiples posibilidades ecosistémicas nas que os organismos se implican ou ás que se ven sometidos. Esta é a principal conclusión á que chegou a investigadora Mar Sobral no seu artigo ‘All Traits Are Functional: An Evolutionary Viewpoint’, no que a profesora da USC constata como o intento de entender a trama ecolóxica partindo da oposición entre trazos funcionais e non funcionais dos seres vivos, “pode leva á investigación científica neste eido a unha rúa sen saída”, sinala.

O artigo responde a unha crecente confusión nos estudos de Ecoloxía e os seus vínculos co funcionamento dos ecosistemas. “Durante as últimas dúas décadas asistimos á explosión da Ecoloxía baseada en trazos que tenta asimilar o éxito evolutivo individual co funcionamento dos ecosistemas”, explica Mar Sobral. A promesa da Ecoloxía Funcional é predicir as funcións do ecosistema a partir dos valores dos trazos dos organismos implicados nesas funcións, os chamados trazos funcionais. A investigadora da USC cuestiona o uso indebido deste termo ao considerar que estaría relacionado coa desconexión dos campos da Ecoloxía e da evolución e implicaría suposicións e deseños experimentais erróneos na investigación ecolóxica. “A Ecoloxía e a Bioloxía evolutiva dependen intimamente unha da outra. Polo tanto, deben integrarse no estudo das causas e as consecuencias da biodiversidade, un posible punto de partida é recoñecer que todos os trazos son funcionais”, engade.

Por exemplo, unha poboación de plantas someteríase a unha forte selección nos trazos das raíces durante un ano de seca e a mesma poboación de plantas someteríase a unha forte selección nos trazos das flores durante un ano cunha severa limitación de  polinizadores. Con todo, ao estudarse a mesma poboación durante un ano con niveis óptimos de precipitación e abundantes  polinizadores, non se pode argumentar que os trazos das raíces ou os trazos florais desta especie sexan trazos non funcionais. Todos os trazos están potencialmente vinculados á aptitude e, polo tanto, son funcionais por definición, tal e como evidencia a investigación. A evolución non ocorre nun baleiro ecolóxico, senón en contextos ecolóxicos e o obxecto de estudo en Ecoloxía, a diversidade en diferentes niveis, é a consecuencia da evolución. “Non podemos separar o un do outro. Máis ben, a Ecoloxía e a Bioloxía Evolutiva deben unificarse no estudo das causas e consecuencias da diversidade de trazos”, explica Sobral.

A investigadora do grupo Ecopast somete a consideración crítica algún dos fundamentos da Ecoloxía Funcional, reinterpretándoos dende a Bioloxía Evolutiva. “Revísase ó principio metodolóxico no que se basea unha rama da bioloxía tan fundamental para o presente e o futuro da ciencia e da nosa propia especie, como é a Ecoloxía Funcional”, explica Mar Sobral. Dirixir a ecoloxía cara a un cómodo sistema de categorización “estrutural”, podería ser un “enfoque excesivamente ríxido e inmóbil diante dos desafíos que afronta esta ciencia”, engade.

Mar Sobral é a autora da investigación
Mar Sobral é a autora da investigación
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2021.