Ir o contido principal

Os organizadores do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural visitan as instalacións de Ingapan en Lugo e Begonte

Álvaro Rodríguez e Carlos Herrero atenden ás explicacións do director comercial de Ingapan, Manuel López
Álvaro Rodríguez e Carlos Herrero atenden ás explicacións do director comercial de Ingapan, Manuel López
O grupo lugués recibirá o galardón este venres, nun acto ao que asistirá o presidente da Xunta de Galicia

O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero Latorre; o presidente do Grupo Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras; e a adxunta á presidencia do mesmo grupo, Carlota López Pardo; visitaron este luns as instalacións que Ingapan, a empresa luguesa gañadora da décima edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, ten en Lugo e en Begonte.
O director comercial de Ingapan, Manuel López, e outros representantes do grupo acompañáronos nesta visita, que lles permitiu achegarse á actividade que se leva a cabo a diario nestas instalacións así como coñecer os proxectos nos que está a traballar o grupo, entre os que salienta a aposta por cuadriplicar no vindeiro verán a fabricación de produtos refrixerados, pasando de 300.000 a 1.150.000 unidades mensuais.
A empresa traballa tamén nun novo sistema que permitirá tostar os produtos refrixerados no microondas e na posta en marcha da Cidade do Pan, un polígono privado de 86.000 metros cadrados que se localizará en Outeiro de Rei e que suporá a creación duns catrocentos postos de traballo.
O vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo e o presidente de Aresa coincidiron en salientar o excelente traballo do Grupo Ingapan así como a súa contribución ao desenvolvemento da economía galega, un aspecto que o fixo merecedor da edición deste ano do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, que organizan conxuntamente o grupo do mesmo nome e a USC.
Para a organización do certame, Ingapan é o exemplo de como unha pequena empresa familiar xurdida en Lugo no ano 1959 pode, mediante o esforzo e a innovación, acometer un proceso de expansión que a converteu nun referente internacional de calidade e prestixio.
Grupo IngapanA día de hoxe, o Grupo Ingapan é unha das compañías líderes do sector da alimentación en España, ocupando o primeiro posto nacional na produción da rama da panificación e sendo o cuarto produtor na rama alimenticia. A empresa conta con catro delegacións en España (en Lugo, A Coruña, Pontevedra e Tenerife), e 180 distribuidores que lle permiten levar os seus produtos ao cliente final en calquera punto do país. Ademais ten presenza noutros 16 países, realizando exportacións a Portugal, Francia, Polonia, Guatemala, Italia, Brasil, Cuba ou Estados Unidos.
Ademais do sector da alimentación, a familia Chousa decidiu tamén involucrarse noutros sectores. Foi así como naceu o Grupo Ingapan, que engloba baixo unha mesma empresa tanto negocios relacionados coa alimentación como relacionados con outras actividades, como é o caso da hostalaría ou o motociclismo.
O equipo de traballo do Grupo Ingapan está formado por 440 traballadores, cunha idade media de 32 anos, e dos que un 80% son mulleres. No pasado exercicio, o grupo obtivo unha facturación total superior aos 67 millóns de euros.
Ingapan recibirá o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural nunha gala que se celebrará no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria de Lugo este venres 22 de xaneiro e que contará coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alberte Núñez Feijoo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.01.2010.