Ir o contido principal

Organizan un curso semipresencial de especialización sobre a rendabilidade empresarial da responsabilidade social corporativa e empresarial

Cartel do curso
Cartel do curso

A Fundación CEER e as universidade de Santiago, Minho, Porto, Trás-os-Montes e Alto Douro e Vigo organizan o curso internacional de especialización en ‘A rendabilidade empresarial da RSC/E’. Esta é unha actividade formativa incluída nas actividades da Cátedra Internacional Santander de Responsabilidade Social Corporativa da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal que se celebrará entre febreiro e xullo.

O programa impartirano especialistas na materia procedentes das cinco universidades organizadoras así como directivos de grandes multinacionais e directivos das principais entidades do sector bancario, que exporán como se executa a Responsabilidade Social Corporativa/Empresarial (RSC/E) nas súas respectivas entidades. Tamén intervirán representantes políticos dos ámbitos da empresa e industria de Galicia e Norte de Portugal.

A partir do interese e a demanda de coñecemento expresada polo sector empresarial, a Fundación CEER e as universidades da Eurorrexión promoven este curso dirixido a empresarios e profesionais interesados en especializarse neste ámbito temático. A isto súmase a entrada en vigor en 2017 das normativas europeas neste eido que farán necesario que moitas empresas apliquen nas súas estratexias empresariais as metodoloxías, procedementos e procesos de Responsabilidade Social polo que interese do curso é de máxima actualidade.

Coa finalidade de permitir a compatibilidade coa xornada laboral, as clases serán semipresenciais, distribuíndose en clases en liña e clases presenciais nas universidades organizadoras e impartiranse en fin de semana. Serán un total de 600 horas cun límite de 25 prazas. Tanto a preinscrición como a solicitude de información poderá realizarse no enderezo de correo electrónico direccion [at] fceer.org (direccion[at]fceer[dot]org).

Como apunta o equipo promotor do curso, a cultura da responsabilidade social nas empresas, institucións e organismos resulta fundamental na actualidade ao ser un tema transversal que se relaciona coa sustentabilidade, a educación, a formación e a investigación, a transparencia, a xestión responsable dos recursos e o fomento do emprego, o consumo responsable, o respecto ao medio ambiente ou a igualdade, entre outros aspectos. Así, o programa deseñada abordará a RSC dende todos os ámbitos do seu desenvolvemento: a sustentabilidade ambiental das organizacións, a comunicación empresarial e a creación da reputación corporativa, a normativa de aplicación en RSC, a xestión operativa na empresa ética de negocios, a xestión estratéxica da RSC/E e a súa internacionalización.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.01.2017.