Ir o contido principal

Orientación Laboral de Santiago organiza dous obradoiros sobre técnicas de busca de emprego

Os estudantes de últimos cursos e titulados recentes son os destinatarios de dous novos obradoiros sobre técnicas de busca de emprego que organiza a Área de Orientación Laboral do Campus de Santiago.
En ambas as dúas propostas formativas oriéntase aos asistentes de cara a optimizar o proceso de busca de emprego ao tempo que facilitar a inserción profesional dos universitarios. Deste xeito, os temas que se tratarán ao longo das súas xornadas programadas profundarán na elaboración do currículo e na preparación dos procesos de selección.
O primeiro dos temas tratarase este martes 16 nunha sesión na que se abordarán contidos relacionados coas técnicas para a redacción do currículo e da carta de presentación, os diferentes tipos que existen e a súa importancia para levar a cabo unha busca activa e eficiente do emprego.
Xa o mércores 17 será a quenda de abordar a preparación dos procesos de selección. Este obradoiro tentará ofrecer información sobre as principais técnicas de selección de persoal, as súas finalidades e formas de aplicación, así como proporcionar recursos aos universitarios para afrontar o seu acceso ao mercado laboral con éxito.
Os dous obradoiros son gratuítos e celebraranse en horario de 10:00 a 13:00 horas nas dependencias do Servizo de Apoio ao Emprendemento e ao Emprego (SAEE) da Vicerreitoría de Comunidade Universitaria e Compromiso Social (r/ Casas Reais, 8).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2010.