A Orquestra de Cámara da USC rememora a Piazzolla no seu concerto de fin de curso
Logo dunha intensa viaxe da man de Haydn, Debussy, Ravel, Bartok, Satie ou Gaos, a Orquestra do Espazo de Cámara da USC que dirixe Mario Diz finaliza o percorrido do curso 2011-2012 cun concerto este xoves 21 na Igrexa Universitaria. O recital, que dará comezo ás 20.30 horas, dedícase enteiramente a Astor Piazzolla con motivo dos 20 anos do seu pasamento. Escoitaranse as pezas El Mundo de los dos, S´il vous plâite, Contrabajeando, Pigmalion, Imperial, Chau Paris e Plus Ultra, todas elas do compositor arxentino, para rematar cunha orixinal Piazzolleando composta para a ocasión por Mario Diz. A orquestra confórmana os e as intérpretes de violíns Andrea Irimia, Antía Rey, Laura García, Miguel Reyes, Paula Fernández, Xade Lago, Aida Fernández, Ana Vieira, Antonio Cabrera, José Mª Trigo, Marcos Rodríguez- Abella e Máximo Fraga; as violas Cristina Taboada, Irene Estevez e Iria Salvado; as violonchelistas Atenea Fernández e Laura Alvarez; o contrabaixo Daniel López e os clarinetes Enrique Comesaña e Teresa Jareño.