Ir o contido principal

A orquestra do Espazo de Cámara da USC estréase en Lugo co seu concerto de homenaxe a Debussy

A orquestra do Espazo de Cámara da USC actúa por primeira vez en Lugo o martes 1 de maio, dentro do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira'
A orquestra do Espazo de Cámara da USC actúa por primeira vez en Lugo o martes 1 de maio, dentro do ciclo 'Músicas a carón da Mosqueira'
A agrupación musical comezou a súa actividade en 2010 e está integrada por arredor de corenta membros da comunidade universitaria, entre alumnado e profesorado

A orquestra do Espazo de Cámara da Universidade de Santiago actúa por primeira vez en Lugo cun concerto de homenaxe a Claude Debussy, no 150 aniversario do seu nacemento. A cita é o martes 1 de maio ás 20.30 horas no círculo das Artes da capital lucense. A actuación, cun formato orixinal que sorprenderá o público, presenta un programa composto por obras significativas como as Danzas Sacra e Profana para orquestra de corda e arpa solista, coa colaboración especial da arpista salmantina Reyes Gómez Benito; dúas Gynopedias de Erik Satie orquestradas polo propio Debussy; as Danzas Húngaras de Bèla Bartok; e o tango Río Sena de Astor Piazzola, orquestrado para a ocasión por Mario Diz, director do Espazo de Cámara da USC. O concerto forma parte do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’, integrado no programa Lugo Cultural 2012, no que participa a USC xunto coa Deputación e o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia. A entrada, como en todas as actividades deste programa, será gratuíta ata completar a capacidade da sala. Camiño da consolidación A USC fixo en 2010 unha aposta clara pola música de cámara ao integrar a comunidade universitaria con formación musical na orquestra do Espazo de Cámara da USC, primeiramente cun grupo de corda que logo ampliou a súa formación con outras instrumentacións ata os corenta integrantes que ten na actualidade. O obxectivo de darlles aos mozos e mozas da USC con formación musical a oportunidade de seguir desenvolvendo esta afección concrétase nun proxecto permanente con ensaios semanais que serven de base para unha programación didáctica na que os membros da orquestra (alumnado e profesorado universitario) amplían a súa formación baixo a supervisión de Mario Diz.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2012.