Ir o contido principal

A Orquestra do Espazo de Cámara da USC seleccionará novos integrantes o vindeiro martes

Para participar na audición tamén se poderá enviar un vídeo da persoa que opte a incorporarse interpretando dúas pezas a libre elección

A Orquestra do Espazo de Cámara da USC realizará o vindeiro día 30 de setembro unha nova quenda de probas de admisión, abertas a estudantado universitario, alumnado de música ou persoas interesadas en participar no proxecto orquestral da USC. O nivel mínimo necesario esixe saber afinar o instrumento e saber cambiar de posición para os instrumentos de corda friccionada así como nos de vento e ter técnica de picado e unha boa execución en toda a súa tesitura. Para participar, as persoas interesadas deberán realizar unha audición o martes 30 ás 18.00 horas na Igrexa da Universidade (praza de Mazarelos s/n) ou enviar un vídeo do/a candidato/a interpretando dúas pezas a libre elección antes da data sinalada. Tanto para a proba presencial como para o vídeo, as persoas interesadas deberán enviar ao enderezo orquestra.universidade [at] usc.es (orquestra[dot]universidade[at]usc[dot]es) os datos persoais (nome e apelidos e DNI), especificando a especialidade instrumental á que se presenta, estudos universitarios que cursa (no caso da comunidade universidade), último curso de instrumento acadado, centro de estudos musicais onde se forma, obra e movemento que presenta e o vídeo. As probas de selección, sen pianista acompañante, consistirán na execución de dúas pezas ou movementos a libre elección e un fragmento para ler a primeira vista achegado polo tribunal avaliador no propio momento da proba, deixando dous minutos ao/á aspirante para ver a partitura. Poderán presentarse ás especialidades de violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, fagot, trompa, trompeta, trombón, percusión e arpa. A orquestra da USC realizará ensaios todos os martes lectivos de curso en horario de 21.30 a 23.30 horas na Igrexa da Universidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.09.2014.