Ir o contido principal

A Orquestra da Universidade de Santiago homenaxea ao tenor Ricardo Jiménez

En primeiro termo, o homenaxeado Ricardo Jiménez
En primeiro termo, o homenaxeado Ricardo Jiménez
Cun concerto na Igrexa da Universidade no que tamén conmemorou o centenario do pasamento do compositor Xosé Castro Chané

A Orquestra da Universidade vén de celebrar un concerto homenaxe ao tenor galego Ricardo Jiménez no que tamén conmemorou o centenario do pasamento do compositor Xosé Castro Chané. Na Igrexa da Universidade, a actuación contou cunha afluencia masiva de público. Ricardo Jiménez foi un afamado tenor que sobresae a partires da decada dos 70 despois de gañar o concurso televisivo "La Gran Ocasión" que lle promove unha extensa e produtiva carreira musical con interpretacións nas mellores salas operísticas do mundo.

Nesta ocasión, a Orquestra da USC acompañou a solistas de prestixio coma as sopranos Teresa Novoa e Susana de Lorenzo, xunto co tenor Keke Resalt ademais de Eliza Anna Kisielinska, soprano e antiga alumna Erasmus da USC e da propia formación musical compostelá, así como o profesor e tenor Manuel Pedreira. Este conxunto fixo posible unha emotiva gala lírica onde o propio homenaxeado asistiu en persoa á interpretación de recoñecidas obras do repertorio lírico incluídas en óperas como La Traviatta de Verdi ou La favorita de Donizzetti, así como en zarzuela con obras como El Barberillo de Lavapiés do mestre Barbieri ou La Meiga de Guiridi. No programa interpretado tamén soaron notas do mestre Castro Chané a través das pezas Un Adeus a Mariquiña e Os Teus Ollos orquestradas polos compositores Juan Durán e Mario Diz, respectivamente, este último director da Orquestra da USC.

O concerto, que contou coa colaboración para esta ocasión da secretaría Xeral de Cultura e dos Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, foi testemuña dunha nova iniciativa da Orquestra da USC coa inclusión dun programa de man dixital onde o público asistente pode visualizar nos seus dispositivos información engadida a tempo real durante o transcurso do concerto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.04.2017.