Ourives de Compostela restaura diverso material do patrimonio histórico da USC

Ourives de Compostela acaba de rematar a restauración de material do patrimonio histórico da USC, entre outras pezas, un ostensorio, a Vara do Mestre de Cerimonias ou unha bandexa de votacións, pezas nas que que se implicaron algúns dos destacados mestres ourives que continúan traballando na cidade.
No caso da Vara do Mestre de Cerimonias trátase dunha peza encargada en 1833 cunha altura de preto de dous metros para cuxa restauración foi preciso fundir diversas pezas previas. Xunto a esta, os artesáns tamén traballaron nunha bandexa para votacións, datada no século XVIII e elaborada en prata e ouro, material utilizado sobre o escudo da propia USC. En opinión do colectivo de ourives, esta última constitúe unha moi destacada mostra do estilo barroco rococó, que se utilizaba para a celebración de votacións no Claustro. A última das pezas restauradas foi un ostensorio sobre o que se executaron traballos de desmontado e amaño.
A entrega destas pezas coincide coa conmemoración da festividade do patrón do gremio de prateiros e acibecheiros San Eloi e forman parte dun convenio coa USC. O presidente de Ourives, Arturo Ouro destacou a satisfacción de poder “contribuír a devolver o máximo esplendor ao patrimonio prateiro da nosa Universidade”. Na súa opinión “colaborar coa USC é participar da esencia mesma da nosa cidade e as súas pezas son moi representativas da mellor arte prateira compostelá”. En 2022, ao abeiro do convenio entre a USC e Ourives, está prevista a celebración dunha grande exposición de pratería e acibechería compostelá en espazos universitarios.