O outono paliou a seca acumulada dende abril en Compostela

O inverno comezou ás 11.02 horas deste luns 21 de decembro, poñendo fin a un outono que paliou a seca acumulada dende abril na comarca compostelá. De feito, ata o 22 de setembro só se tiñan recollido 1.000 litros/m2 no pluviómetro do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. Desde entón e ata o de agora, hai que sumar outros 633 l/ m2 dos cales 266 l/ m2 corresponden aos primeiros 20 días de decembro. As temperaturas en xeral foron benignas nestes meses de outono, sen xeadas na capital de Galicia.
O comezo do inverno correspóndese co paso do Sol polo punto Capricornio da eclíptica, alcanzando dese modo a súa mínima declinación. Este luns 21 é o dia máis curto do ano a pesar de que as tardes xa van medrando dende o pasado día 8 de decembro. “Isto débese a que a nosa hora está baseada no chamado Sol Medio —un punto ficticio que percorre o ecuador con velocidade constante—, no canto de facelo con respecto ao Sol; porque o movemento deste ao longo do ano transcorre con velocidade variable e iso é un inconveniente para definir unha escala de tempo uniforme”, explica José Ángel Docobo, director do Observatorio da USC.
O dia 2 de xaneiro a Terra pasa polo punto máis próximo ao Sol (perihelio), sendo neste momento a distancia de 147 millóns de quilómetros, fronte aos 152 millóns de quilómetros do afelio a comezos de xullo. “Tamén nos próximos días teremos (3 de xaneiro) o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas”, continúa Docobo. A conxunción histórica de Xúpiter con Saturno aínda se poderá ver ata os primeiros días de xaneiro, a partir dunha media hora despois da posta do Sol, pasando agora Saturno á dereita de Xúpiter. “Para iso necesítase estar nun lugar co horizonte SW ben despexado”, sinala Docobo.
Inverno sen eclipses
Venus será o luceiro do alba ata mediados de febreiro, pasando xa eses días a ser visibles ao amencer tanto Xúpiter como Saturno. “Será posible observar Mercurio a primeira ollada cara ao 24 de xaneiro ao oeste ao termo do crepúsculo vespertino, ou aínda mellor cara ao 6 de marzo antes da saída do Sol cara ao leste”, apunta o responsable do Observatorio da USC. Asemade, no inverno que agora comeza non se producirán eclipses, de feito, haberá que esperar ata o 10 de xuño para ver unha eclipse parcial de Sol dende Galicia.
O inverno é a estación con menor duración, 88,98 días; seguida do outono, 89,86 días; a primavera, 92,75; e o verán, 93,66. “Obviamente, no hemisferio sur da Terra ocorre o contrario, agora comeza o seu verán, que é alí a estación con menor duración, 88,98 dias”, conclúe Docobo.