Ir o contido principal

O padroado de Cetaqua Galicia profunda nos avances cara a un futuro neutro en carbono

A xuntanza desenvolveuse no Salón Reitoral do Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
A xuntanza desenvolveuse no Salón Reitoral do Colexio San Xerome. FOTO: Santi Alvite
Este é un encontro no que USC, Viaqua, CSIC e Cetaqua comparten a estratexia de crecemento do centro e poñen en valor os progresos logrados nos diferentes proxectos de investigación
Santiago de Compostela

A consolidación do Centro Mixto de Investigación CIGAT CIRCULAR, un proxecto que aplica os principios de economía circular ao ciclo da auga, foi unha das cuestións abordadas no marco da reunión do padroado do Centro Galego de Investigación da Auga (Cetaqua Galicia) que acaba de desenvolverse no Colexio San Xerome.

Este é un encontro no que USC, Viaqua, CSIC e Cetaqua comparten a estratexia de crecemento do centro e poñen en valor os progresos logrados nos diferentes proxectos de investigación.  Centro Mixto de Investigación CIGAT CIRCULAR promove un modelo integral que quere converter os residuos de orixe industrial, urbano, agrícola e rural en recursos de alto valor engadido. Galicia, que ten só tres centros mixtos en marcha na comunidade, camiña con CIGAT CIRCULAR cara un futuro neutro en carbono.

Doutra banda, tamén se puxo en valor a celebración da reunión de consorcio no mes de outubro en Santiago de Compostela do proxecto europeo BIORECER, primeiro proxecto europeo Horizonte 2020 executado por Cetaqua Galicia. Un encontro internacional ao redor do desenvolvemento das directrices para optimizar os sistemas de certificación actuais de biomasas e biorresiduos, e que promove o uso de materias primas biolóxicas para substituír as fósiles.

Ambos proxectos, impulsados por Cetaqua Galicia, son un exemplo da importancia do centro para o tecido empresarial e ambiental galego. Algo que tamén se reflicte no aumento de traballos doutorais realizados entre USC e Cetaqua, favorecendo así a transferencia de coñecemento e a retención de talento xuvenil na comunidade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.11.2022.