Ir o contido principal

O padroado da Fundación Rof Codina fai balance do exercicio 2011 e senta as bases de traballo para o actual exercicio

O hospital veterinario universitario establece un plan formativo máis ambicioso para os posgraduados e mellorará a funcionalidade das infraestruturas de cirurxía

A Fundación do hospital veterinario Rof Codina do Campus de Lugo celebrou a vixésimo terceira reunión do seu padroado, na que se realizou unha avaliación da actividade levada a cabo en 2011 e se estableceron as medidas e accións para desenvolver no actual exercicio. O balance económico do ano anterior mostra un resultado equilibrado, malia a redución da casuística clínico-asistencial en arredor dun 15%, principalmente nas áreas de equino e vacún. O nivel de actividade segue, non obstante, dentro das esixencias de homologación da Asociación Europea de Facultade de Veterinaria. Este equilibrio dos resultados económicos conseguiuse grazas aos recortes efectuados nas diferentes áreas e á achega extraordinaria da Secretaría Xeral de Universidades, mediante unha partida destinada a apoiar a función docente e investigadora do hospital. En canto ao presente ano, o orzamento aprobado supón unha redución do 5% con respecto a 2011. Tamén de cara ao ano en curso, o plan de acción para o actual exercicio prevé o desenvolvemento dun proxecto formativo “máis ambicioso” para os posgraduados, en coordinación cos distintos hospitais veterinarios universitarios de España, e que conta co apoio da consellería de Educación a través da Secretaría Xeral de Universidades. Do mesmo xeito, procederase á remodelación das infraestruturas no bloque cirúrxico, “para mellorar a súa funcionalidade”, explican os responsables da fundación. A Fundación Rof Codina é o órgano de xestión do hospital veterinario universitario, e no seu padroado están integrados, ademais da USC, a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello da capital lucense.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.03.2012.