Ir o contido principal

A paisaxe galega centra un curso de verán en Guitiriz

UNIVERSIDADE DE VERÁN 2010

Afondar nos valores naturais e culturais dos espazos galegos é o obxectivo do curso ‘Paisaxes naturais, paisaxes culturais’ que se desenvolverá dende o 21 ao 23 de xullo na Escola Habanera de Guitiriz baixo a dirección do profesor de Patrimonio Natural e Paisaxe da USC, Roxelio Pérez Moreira. Especialistas en xestión ambiental xunto a profesores da UNED e das universidades de Santiago e de Vigo impartirán un total de once relatorios nos que se abordará a biodiversidade e a transformación da paisaxe galega co paso do tempo, así como a súa representación en manifestacións artísticas como a pintura, a poesía ou o cine. Os asistentes a este seminario, de vintedúas horas de duración, poderán ver tamén tres proxeccións sobre ‘As paisaxes chairegas’, ‘A paisaxe agroecolóxica’ e ‘Fala e terra desta miña terra’ e visitar a exposición fotográfica ‘Naturalidade’, que amosa unha colección de imaxes tomadas en diferentes espazos do patrimonio natural galego.

Toda a información sobre este curso estival en Guitiriz atópase na páxina www.usc.es/cultura/uveran25_10.htm.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.07.2010.