Papel activo da USC no congreso internacional sobre xestión de augas que se desenvolve en Jerez de la Frontera

A Universidade de Santiago de Compostela co organiza esta semana en Jerez de la Frontera a décimo terceira edición da IWA Leading Edge Conference , a reunión máis prestixiosa sobre xestión de augas no ámbito internacional. Xunto á USC organizan esta conferencia dúas universidades estadounidenses, unha dos Países Baixos, outra australiana e FCC Aqualia.
A comitiva da USC encabezada polo catedrático Juan Lema é a responsable dunha das oito sesións en que se divide o encontro, ademais de organizar un obradoiro sobre tratamento descentralizado e presentar dous traballos do total de 48.
Os cincocentos especialistas que participan nesta cita científica poderán coñecer os últimos avances en tecnoloxías da auga á vez que coñecer o seu impacto, é dicir, cuantificar os efectos na implementación a grande escala e avaliar o balance de novos conceptos e ideas.
Ademais, o encontro servirá para a posta en común de novas liñas de investigación que dean resposta a retos como a escaseza de recursos, o alto custe enerxético, a xeración de residuos ou a eliminación de contaminantes. Por outra banda, haberá diversas visitas a instalacións punteiras en xestión de augas en Andalucía como a depuradora de Chiclana, onde Aqualia desenvolve un proxecto que obtén biocombustible para automoción a partir de augas residuais.