O papel dos concellos na acción educativa e cultural pública en Galicia abriu a segunda xornada do Interea 2008 congreso
A segunda xornada do Interea 2008 Congreso: De estudantes a profesionais na acción socioeducativa e cultural local abriu coa cuestión da acción educativa e cultural pública en Galicia profundando no papel dos concellos como creadores de cidades comprometidas, segundo explicou o xefe de Servizo do Departamento de Educación do Concello de Santiago, Xosé M. Rodríguez-Abella. Enmarcado no Proxecto Interea, o encontro celébrase ata este venres na Facultade de Ciencias da Educación coa participación de máis de 400 estudantes e técnicos municipais vinculados á formación inicial e continua nos eidos da educación e da cultura local.
Na súa intervención Rodríguez-Abella falou dos concellos, e en particular os espazos públicos urbanos, como cruciais para materializar os principios dunha auténtica Cidade Educadora, comprometida cos dereitos da cidadanía ofrecéndolle uns servizos públicos que respondan ás súas necesidades. Neste punto, tomou a cidade compostelá como referente de actuación no eido socioeducativo e cultural, subliñando as posibilidades da súa rede de centros socioculturais como equipamentos cívicos que conectan as súas actuacións co labor desempeñado no interior dos centros educativos.
Logo desta conferencia presentouse o balance do Plan formativo na Área de Educación, Cultura e Patrimonio Histórico-Artístico da Deputación da Coruña, promovido dende 2005 no marco do Proxecto interea e do que son protagonistas máis dun centenar de técnicos municipais da provincia que desenvolven actividades de profesionalización e especialización para unha planificación estratéxica da cultura.
Unha representación deste técnicos, de distintos concellos urbanos e rurais, participaron nunha mesa redonda na que destacaron as fortalezas e debilidades do seu papel como profesionais da sociocultura. Dende as súas experiencias en Moaña, Aranga, Rois, Foz e Narón presentaron modelos e iniciativas de distinto signo arredor do traballo sociocomunitario e dos servizos persoais á comunidade en bibliotecas, centros cívicos, casas da cultura ou servizos sociais, entre outros.
A sesión matinal continuou coa presentación de experiencias e iniciativas culturais nas que sobresae o papel da comunidade universitaria, como é o caso do Programa de Voluntariado Lingüístico e Acompañamento de Estudantes e das Comisións de cultura e normalización da Facultade de Ciencias da Educación, onde se desenvolve o congreso. Xa na tarde, exporanse diversos proxectos realizados no marco das prácticas preprofesionais en administracións e empresas, así como dos programas de posgrao e de formación continua activados dende as institucións universitarias.
ConcertoA xornada deste xoves 21 pecharase co concerto que ofrecerá Baldo Martínez Grupo no Teatro Principal, a partir das 21:00 horas. O contrabaixista galego Baldo Martínez é un dos músicos máis representativos do jazz con-temporáneo, e un dos que maior recoñecemento e proxección ten no exterior. Con ocasión do interea 2008 congreso, o contrabaixista preparou un grupo especial, ofrecendo un concerto no que percorrerá tódalas súas gravacións.
Xornada da última xornadaA última xornada do congreso comezará ás 9:30 horas cunha charla sobre os contextos socioeducativos para aprender a través nas artes e no lecer. Deseguido, ás 12:00 horas, un conxunto de especialistas sobre patrimonio explicarán os contextos socioeducativos neste eido.
Xa ás 16:30 horas, expertos en orientación laboral falarán do paso de estudantes a traballadores e, ás 19:00 horas, terá lugar a clausura do Interea 2008 cun acto ao que asistirán o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos; o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; e a presidenta do congreso, Lucía Iglesias da Cunha.