Ir o contido principal

Papel destacado da profesora Ángeles López Agüera no Cumio dos Pobos de Río de Janeiro

A profesora Ángeles López Agüera, coordinadora do Grupo de Aplicacións Enerxéticas Sostibles da USC, participa esta semana no Cumio dos Pobos que está a ter lugar en Rio de Janeiro (Brasil) cunha conferencia sobre as culturas populares e tradicionais como paradigmas cara ao desenvolvemento de comunidades enerxeticamente sostibles. Ademais das conferencias plenarias organízanse dez mesas redondas –unha das cales moderará a profesora López Agüera– que recollerán as propostas de miles de cidadáns de todo o planeta expresadas nunha web creada pola ONU. O Cumio, que se desenvolve en paralelo coa Conferencia de Nacións Unidas para o Desenvolvemento Sostible (RIO+20), reúne uns 20.000 participantes de comunidades indíxenas, remanescentes e centos de asociacións non gobernamentais. Igual que ocorreu no Cume da Terra de 1992, están representados os pobos nativos de América e de África, pero esta vez tamén representantes do mundo empresarial. En paralelo á xuntanza, o cambio climático centrará un experimento no que as persoas participantes, todas elas do eido científico e académico, se porán na pel dos gobernantes para simular unha negociación internacional co obxectivo de lograr un acordo "realista" que sirva para evitar o arrequecemento global. O experimento contará con facilitadores e facilitadoras dos grupos BASIC (Brasil, Sudáfrica, India e China), da Unión Europea, de Estados Unidos, Canadá, Australia, Xapón, Indonesia e Rusia, da Liga Árabe e dos pequenos estados insulares. Os resultados serán presentados na Río+20 e no Cumio das Nacións Unidas sobre Cambio Climático (COP18) de Doha, o próximo decembro, para tentar demostrar aos líderes mundiais que “si é posible chegar a un consenso para reducir as emisións de dióxido de carbono”, afirma a profesora da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.06.2012.