O Paraninfo da Universidade acolle o sétimo concerto do Ciclo Novos Intérpretes
Dúas novas actuacións achegan a música, este martes 22, ao Paraninfo da Universidade de Santiago, sito na Facultade de Xeografía e Historia. Trátase da clarinetista María Eugenia Bolaño e da pianista Teresa Cantalejo, que ofrecerán sendos concertos a partir das 20:30 horas, dentro do XIII Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza organizado en colaboración coa USC. Eugenia Bolaño, alumna do Conservatorio Profesional de Música de Santiago que compaxina os seus estudos coa participación nas bandas de música de Rianxo e a Federación de Bandas de Músicas Populares, interpretará unha rapsodia do compositor italiano Giacomo Miluccio e o concerto para clarinete de Mozart. A segunda parte do concerto deste martes 22 de febreiro estará protagonizada pola pianista Teresa Cantalejo, que inclúe no seu repertorio dende catro obras de Bach ata a cuarta sonata para piano de Schubert. O Ciclo de Novos Intérpretes ten o dobre obxectivo de achegar a música ao público mozo e que os novos intérpretes collan experiencia no escenario. Ademais, a entrada é de balde.