Ir o contido principal

El Pararrayos actúa o xoves en Maxisterio dentro do ciclo Lubicán do Convenio Lugo Cultural

O grupo El Pararrayos ofrecerá este xoves 27 un concerto ás 21:00 horas na Escola Universitaria de Formación do Profesorado dentro do ciclo Lubicán, integrado dentro da programación do Convenio Lugo Cultural, no que están integradas a USC, o Concello de Lugo, a Consellaría de Cultura, a Deputación Provincial e a Fundación Caixa Galicia.
Trátase do terceiro concerto que celebra este ciclo no 2008 e mantén a súa cita cada cuarto xoves de mes para ofrecer ao público lugués a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións.
El Pararrayos fórmase como banda de rock en 2002 da man de José Lameiras xunto con músicos como Xurxo Labrador, Jesús Dopazo e Aser Álvarez, publicando ao ano seguinte o seu primeiro CD, ‘Reacciones Humanas’. En Lugo mostrarán o xoves o seu terceiro traballo, ‘Los días cambiantes de El Pararrayos’. Consta este de 17 novas cancións máis dúas versións de dous temas do seu disco anterior, ‘Nuestra vida no es un éxito... pero somos tan felices’. Tres cancións instrumentais do último CD foron para a obra de teatro ‘A Viaxe de Efi’, do grupo La Imagina Machina, obra galardoada co premio do público ao mellor espectáculo dentro do Festival de Teatro do Carballiño.
Os concertos do ciclo Lubicán continuarán o 24 de abril coa actuación de Narf no Auditorio da Facultade de Veterinaria.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.03.2008.