Participación galega no IX Encontro Luso-Brasileiro de Bioética
Investigadores da USC participan esta semana en Porto (Portugal) no IX Encontro Luso-Brasileiro de Bioética, que nesta ocasión tratará a relación entre o desenvolvemento global e a protección da vida. O congreso organízao o Centro de Estudos de Bioética e a Sociedade Brasileira de Bioética, en colaboración co Instituto de Bioética da Universidade Católica Portuguesa.
O investigador da USC Miguel Vieito Villar presentará a comunicación ‘Facultades dos familiares e coidadores informais na nova lexislación galega de dignidade das persoas enfermas terminais’, na que fai unha revisión do estatus xurídico das familias e asistentes, unha das maiores novidades da Lei galega 5/2015.
Ademais, este mesmo investigador xunto coa presidenta de ARELAS-Asociación de familiares de menores trans, Cris Palacios, e o doutorando de Filosofía pola Complutense Enrique Latorre, presentarán o traballo ‘Acceso a bloqueadores hormonais por menores trans: autonomía fronte a control parental’ no que reflexionan sobre se os menores poden acceder a terapia hormonal por si sos, sen necesidade dos pais e nais. Explica Vieito que “en moitos casos os representantes negan o tratamento aos menores ou, en caso de discrepancia entre nai e pai, os médicos optan por non iniciar tratamentos”.