Os participantes en Fuegored 2010 alertan dos posibles danos irreversibles dos lumes forestais
As Xornadas Internacionais Fuegored 2010, co organizadas pola USC e centradas na investigación e xestión para a protección do solo e restauración dos ecosistemas forestais queimados afectados por incendios forestais, concluíron que o impacto dos lumes provoca danos no solo que en moitos casos poden ser irreversibles. O comité organizador de Fuegored, no que participaron Mercedes Casal e Francisco Díaz Fierros, docentes da Universidade de Santiago, publicaba entre as conclusións do encontro que a erosión posincendio é un dos efectos indirectos máis preocupantes dos lumes, xunto coa repercusión sobre os recursos hídricos, que pode provocar inundacións e unha contaminación das augas. Os expertos participantes nas xornadas engaden a necesidade dunha actuación conxunta da comunidade científica, xestores, usuarios e propietarios das superficies forestais para o intercambio de coñecementos nesta materia. A protección do solo e a restauración de ecosistemas nas zonas afectadas por incendios son unha das medidas fundamentais para as que se deben impulsar protocolos de actuación moi concretos. No que respecta ás accións inmediatas despois dun lume están as actuacións de emerxencia antes da chegada das primeiras choivas, medidas para as que os expertos reunidos nos pasados días en Compostela recomendan a reserva de partidas orzamentarias de xeito permanente por parte da administración. Paralelamente, o traballo desenvolvido neste encontro augura a persistencia no tempo do fenómeno dos incendios forestais debido ás causas socioeconómicas que están detrás del. As comunidades autónomas de Galicia e Andalucía teñen en marcha medidas de emerxencia contra determinados efectos como a erosión tras o incendio, que son, segundo os expertos, resultado da cooperación entre a comunidade científica e as administracións. Neste punto, e de maneira global, estas actuacións foron valoradas de maneira moi positiva polos investigadores durante as xornadas.