Ir o contido principal

Participantes do programa de emprendemento Argos e persoal da AVTE visitan a empresa Tredess

A visita permitiu coñecer tanto os procesos de traballo de Tredess como algunhas das súas instalacións
A visita permitiu coñecer tanto os procesos de traballo de Tredess como algunhas das súas instalacións

Participantes do programa de emprendemento Argos xunto con persoal da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE) visitaron as instalacións da empresa santiaguesa Tredess 2010, da corporación Televés, e así coñecer experiencias reais de creación e desenvolvemento empresarial. Argos é unha iniciativa formativa que pretende conformar equipos interdisciplinares aos que se facilita acompañemento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente.

Na visita a Tredess, o grupo estivo acompañado polo director comercial para España e Latino América, Javier Martínez, que deu conta das fases de creación, consolidación e crecemento da empresa, ademais de explicar o seu funcionamento cotiá e os retos que foron preciso superar dende o seu nacemento así como os retos máis inmediatos desta sociedade. Na visita tamén visitaron as instalacións e coñeceron as distintas fases do proceso de fabricación e control de calidade dos produtos.

Tredess dedícase ao deseño, desenvolvemento e fabricación de equipos para a extensión da cobertura da Televisión Dixital Terrestre. Comezou a súa actividade en 2003 con tres empregados e, na actualidade o seu cadro de persoal confórmano 35 profesionais. O 40% son enxeñeiros/as que traballan en novos desenvolvemento no campo das telecomunicacións xunto a equipos de investigación de diversas universidades, entre elas a USC. Exporta a 25 países en todo o mundo, supoñendo este mercado exterior o 90% da súa facturación.

Argos
O programa Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dun persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC que poderá ser a base do plan de empresa proposto por cada grupo.

O programa está dirixido a alumnado de posgrao, máster e doutoramento, titulados/as das últimas promocións, persoal ou colaboradores integrados en grupos de investigación e alumnado dos últimos anos de graos. Están previstas tres fases que comezaron en outubro de 2015 coa participación en varias sesións informativas e de adestramento para o traballo en equipo. Nun segundo momento procedeuse á constitución dos equipos multidisciplinares con catro ou cinco integrantes. Finalmente, os equipos desenvolverán un plan de empresa titorizados por persoal do programa Argos para a súa presentación cara mediados de marzo ante un xurado.

Participaron tanto persoal técnico e AVTE como integrantes de Argos

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.01.2016.