Ir o contido principal

Pautas para unha ‘nova normalidade’ segura

“Debemos procurar expresarnos máis coa mirada e na medida do posible manter certa distancia”, explica Caamaño Isorna. FOTO: Santi Alvite
“Debemos procurar expresarnos máis coa mirada e na medida do posible manter certa distancia”, explica Caamaño Isorna. FOTO: Santi Alvite
O epidemiólogo e profesor da USC Francisco Caamaño Isorna analiza as medidas de precaución que deben adoptarse contra a COVID-19 nesta nova etapa
Lugo, Santiago de Compostela

A máscara facial está a ser unha das ferramentas máis valiosas á hora de facer fronte á COVID-19 na actual etapa de ‘nova normalidade’. Con todo, o epidemiólogo Francisco Caamaño Isorna segue a reivindicar a necesidade de manter a distancia social. “A máscara debemos utilizala cando non poidamos manter a distancia de seguridade. É importante sinalar que levar a máscara non é unha alternativa a manter a distancia ou á hixiene de mans”, explica o profesor da USC .

“Recentes investigacións mostran que o risco de contaxio redúcese ata un 80% se mantemos un metro de distancia. A probabilidade de contaxio por cada metro adicional redúcese un 50%. 1,5 metros é unha distancia segura”, continúa Caamaño, quen tamén pon o foco no lavado de mans como un hábito chave para facer fronte á pandemia. “Debemos usar os xeles sanitizantes ou o lavado de mans con frecuencia. Se temos accesibles este tipo de xeles nos corredores, nos nosos despachos, tenderemos a usalos varias veces durante a xornada”, afirma o epidemiólogo.

Evitar na medida do posible compartir, aínda que “sen obsesionarse”, material como papeis ou bolígrafos; poñer a máscara facial nos bares durante os intres nos que non estamos a consumir cando facemos un receso na xornada laboral xunto a outros compañeiros; así como a “prudencia á hora de tocar superficies”, son outras das recomendacións de Caamaño Isorna. “Debemos procurar expresarnos máis coa mirada e na medida do posible manter certa distancia”, explica. “Debemos manter o lavado de mans e seguir sendo moi prudentes á hora de invitar ou visitar a amizades”, conclúe o epidemiólogo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2020.