Ir o contido principal

Pecha o prazo de inscrición para a segunda ruta polo río Miño do programa Pegadas

A Vicerreitoría de Cultura da USC pecha este mércores 30 o prazo de inscrición para participar na segunda ruta estacional polo río Miño do programa Pegadas, incluído dentro do Convenio Lugo Cultural.
A ruta celebrarse o 11 de maio, domingo, a partir das 10:30 horas, con saída do miradoiro do parque Rosalía de Castro de Lugo. Esta segunda ruta cambiou de data, xa que nun principio estaba prevista para o 6 de abril, pero a organización decidiu pospoñela para esperar a chegada dos vencellos.
A inscrición para esta actividade, que ten un custo de 4 euros, poderá realizarse na Oficina de Cultura do Campus de Lugo situada no segundo andar do número 3 da praza Pío XII. Poden informarse a través do número de teléfono 982 28 59 00, extensión 21511.
No traxecto, no que poderán participar 20 persoas, intervirán como guías Xurxo de Vivero, que se encargará da descrición da fauna e flora da zona, e Eduardo Ochoa, que explicará os mellores lugares para a toma de fotografías.
O programa Pegadas consta de catro rutas, cada unha nunha estación do ano diferente. A primeira xa se celebrou o pasado mes de marzo e as dúas seguintes terán lugar o 21 de setembro e o 19 de outubro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2008.