Péchanse os actos de San Cidre na Escola Politécnica de Lugo coa entrega dos diplomas aos novos enxeñeiros agrónomos
A Escola Politécnica Superior de Lugo pechou os actos celebrados co gallo da festividades de San Cidre, que se desenvolveron no centro os días 14 e 15 de maio, coa entrega dos diplomas e dos premios fin de carreira aos novos enxeñeiros agrónomos, nunha cerimonia organizada conxuntamente pola Escola e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia. O acto estivo presidido polo vicerreitor adxunto de Investigación do Campus de Lugo, Pablo Ramil, acompañado polo director da EPS, Javier Bueno; o decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Víctor Tello; e o secretario deste Colexio, Pedro Calaza. O enxeñeiro agrónomo Alfonso de la Vega interveu tamén no encontro para compartir coa nova promoción de enxeñeiros a súa longa experiencia profesional en ámbitos como a agronomía, enerxía, medio ambiente, valoracións, organización, formación ou publicación de traballos. Finalmente, Víctor Tello informou aos asistentes das principais actividades que se desenvolven desde o Colexio de enxeñeiros agrónomos nos ámbitos da formación, comunicación entre os profesionais do sector, apoio a novos proxectos, cooperación coa administración de xustiza ou defensa dos intereses dos seus colexiados. Unha das alumnas galardoadas nos premios fin de carreira a proxectos e estudos técnicos na titulación de Enxeñería Agronómica da EPS de Lugo