Ir o contido principal

Pechou as súas portas a primeira edición española do Congreso Anual de Eunis

O futuro de internet e as orixes da rede de redes foron os temas das últimas dúas conferencias plenarias do Congreso Anual da asociación European University Information Systems (EUNIS). Os encargados de desenvolvelas foron Louis Pouzin, considerado un dos pioneiros de Internet en Europa e un dos especialistas clásicos neste mesmo eido, e o profesor Andreu Veá, igualmente pioneiro de Internet en España e impulsor do proxecto ‘Who is who in the Internet’.
Estas intervencións foron o preámbulo da entrega dos premios Eunis 2009 nas categorías de Mellor Proxecto TIC e Mellor Proxecto de e-learning, así como do concurso de fotografía convocada de xeito paralelo ás sesións congresuais. Deseguido, a reitora da Universidade de Varsovia presentou aos asistentes a próxima edición deste encontro internacional, á que lle seguiu o director da Área TIC da USC e integrante do Comité Organizador, Javier Franco, para facer balance destes tres días de encontro. O presidente de Eunis botou o peche á edición compostelá.
O Congreso Anual de EunisEste congreso é o de maior proxección europea no eido das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) nas institucións de ensino superior. Trátase ademais da primeira vez a que se celebra en España, organizado nesta ocasión pola Universidade de Santiago, primeira institución española que entrou a formar parte de Eunis. Na xuntanza participaron máis de 250 especialistas, na súa meirande parte responsables de tecnoloxías da información das universidades europeas, que representan a un total de vinte e oito países, vinte e catro deles europeos ademais de Estados Unidos, Perú, Australia e Israel.
Ao longo de tres días, a Universidade de Santiago foi punto de intercambio e difusión dos proxectos e experiencias máis salientables na aplicación das TIC no eido universitario europeo, particularmente no relativo á xestión e á docencia. Entre os proxectos que se deron a coñecer estes días en Santiago, destacan os relativos á utilización dos conceptos de redes sociais 2.0 na Universidade, ferramentas de gravación de contidos multimedia de apoio á docencia, aplicacións semánticas de busca na web, arquitecturas de novos sistemas integrados de información, xogos virtuais de negocio e outros aplicados á docencia, gravación desatendida de clase, casos de estudo de e-administración, sistemas nacionais de matrícula, xestión de identidade, sistemas de documentación en investigación ou servizos de identidade de usuarios, entre outros asuntos.
Ademais das sesións propiamente científicas, o encontro acolleu tamén a celebración das xuntanzas de traballo dos órganos de dirección de Eunis, a asemblea xeral de todos os socios, o council e a xuntanza do consello de dirección, na que se elixe a un novo presidente de Eunis e a un novo secretario executivo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.06.2009.