Ir o contido principal

Pediatras de toda España actualizarán en Santiago os coñecementos en endocrinoloxía

O XVII Curso sobre Progresos en Endocrinoloxía Pediátrica organizado pola Unidade de Endocrinoloxía Pediátrica, Crecemento e Adolescencia que dirixe o catedrático Manuel Pombo Arias reunirá en Santiago o vindeiro venres, 9 de abril, a 120 pediatras de toda España, a súa maioría galegos.
Son en total unha mesa redonda e sete conferencias sobre diferentes cuestións relacionadas cos problemas máis actuais no campo da endocrinoloxía pediátrica as que conforman o curso. Na mesa redonda trataranse as alteracións relacionadas co metabolismo do calcio nas intervencións das doutoras Cabanas e Heredia, do Hospital Clínico Universitario de Santiago.
As conferencias darán comezo ás 9:00 horas coa doutora Castro Feijóo, do mesmo hospital, que falará da utilidade do diagnóstico xenético na talla baixa en base á experiencia acumulada ao longo destes anos nas Unidades de Endocrinoloxía Pediátrica e de Medicina Molecular.
A continuación, a doutora Albisu, do hospital Vall d´Hebrón de Barcelona, disertará sobre as posibilidades de intervención na obesidade, un campo no que leva anos desenvolvendo con éxito novas estratexias. Intervirá tamén o doutor Yeste, que achegará un protocolo en relación co diagnóstico e o tratamento das hiperlipoproteinemias.
Pola súa parte, a doutora Vela, do hospital de Cruces de Baracaldo de Bilbao, tratará o tema da diabete insípida mentres que Álvez, de Santiago, exporá unha cuestión eminentemente práctica como é as vulvovaxinite, unha patoloxía de presenza frecuente. Ademais, o doutor Barreiro, experto en diabete infantil, tratará as alternativas actuais fronte a esta patoloxía.
A clausura do curso correrá a cargo do doutor Pombo, que falará da talla baixa e as dúbidas que aínda subsisten, tras máis de 35 anos de experiencia, en relación coa hormona de crecemento e a identificación daqueles pacientes subsidiarios de tal tipo de tratamento.
Presentación libroO profesor Pombo é o editor da cuarta edición do Tratado de Endocrinoloxía Pediátrica, un libro que alcanzou moi ampla difusión internacional e que se presentará o 23 de abril ás 13:00 horas en Fonseca nun acto presidido polo reitor Barro e no que o presidente da Asociación Española de Pediatría, Serafín Málaga, pronunciará a conferencia ‘Quo Vadis Pediatría’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.03.2010.