Pediatras de toda Galicia reúnense no XIX Curso sobre Progresos de Endocrinoloxía Pediátrica
Máis dun cento de pediatras procedentes de toda Galicia reuniranse a partir do vindeiro venres 30 no XIX Curso sobre Progresos de Endocrinoloxía Pediátrica organizado polas unidades de Endocrinoloxía Pediátrica, Crecemento e Adolescencia que dirixe o profesor Manuel Pombo e de Nutrición Pediátrica, dirixida pola profesora Rosaura Leis. A inauguración oficial do curso celebrarase na Aula Castelao da Facultade de Medicina este venres a partir das 11.00 horas presidida polo decano do centro, Juan Gestal Otero, e coa presenza ademais do xerente de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde, e dos profesores Manuel Pombo e Rosaura Leis. Con anterioridade, a partir das 9.00 horas, a mesma profesora Leis pronunciará a conferencia inaugural falando sobre ‘Diagnóstico e comorbilidades da obesidade’. Seguiralle Claudia Heredia, investigadora predoutoral da Unidade de Endocrinoloxía Pediátrica do CHUS, que co relatorio ‘Obesidade: móvete Galicia’ representa un intento de protocolizar unha actuación de especial relevo para intentar combater o problema do exceso de peso. A quenda de intervencións continuará logo do acto inaugural, a partir das 11.15 horas, coa conferencia do profesor Pombo titulada ‘Obesidade: a epidemia do século XXI’, o que dará paso a unha sesión de discusión xeral e a unha presentación sobre o seguimento clínico do neno PEG. Ademais dos membros do Servizo de Endocrinoloxía Pediátrica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, participarán nas actividades do curso especialistas recoñecidos como Amparo Rodríguez Sánchez, do Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón de Madrid, para falar sobre variantes da puberdade normal; José Pozo Román, do Hospital Niño Jesús de Madrid, que desenvolverá o tema do retraso puberal; Isabel González Casado, del Hospital Universitario La Paz de Madrid, cunha intervención sobre orientación diagnóstica na talla baixa; ou Mirentxu Oyarzábal Irigoyen para reflexionar sobre a diabetes en atención primaria. Outras intervencións centraranse en aspectos relacionados coa hiperplasia suprarrenal conxénita, o seguimento dos nenos pequenos para a idade de xestación e a obesidade. Máis información en http://www.endocrinologiapediatrica.com/fundacion.htm.