Pedra cósmica ou lixo espacial?

O director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, explica que o obxecto voador avistado este martes desde Galicia corresponde a unha das fases do foguete ruso lanzado para levar carga á Estación Espacial Internacional (EEI). O catedrático da USC fixo estas declaracións logo das preguntas achegadas por diversos medios de comunicación para intentar explicar a espectacular imaxe dun voluminoso obxecto luminoso, unha escena gravada en vídeo e que pronto espertou todo tipo de polémicas nas redes sociais.
Logo de ver as imaxes captadas sobre as 6.45 horas do 28 de abril por un automobilista que circulaba por unha estrada da provincia da Coruña, o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo, tratou de atallar a polémica xerada ao afirmar que tal imaxe non corresponde á entrada a atmosfera desde o espacio dun bólido ou pedra cósmica, xa que a duración do refacho de luz durante máis de 40 segundos descarta esta hipótese, asegurou.
Docobo, quen tivo noticia de tal avistamento por un vídeo recibido de Gciencia, dixo que a imaxe captada é a da re entrada na atmosfera dunha fase do foguete ruso Soyuz SL-AR /B, lanzado desde o cosmódromo ruso de Baykonur (Kazaxistán) o pasado 25 de abril co obxecto de levar carga á Estación Espacial Internacional (EEI). Daquela, engadiu o catedrático da USC, o obxecto luminoso visto no ceo de Galicia foi so unha fase deste foguete, do que pouco tempo despois caeron alomenos outras tres partes noutros lugares da Terra.
Docobo lembrou neste senso que o 16 de setembro de 2001 xa sobrevoou Galicia outro foguete Soyuz, lanzado tamén por Rusia coa misión de levar carga á EEI e que tamén puido ser avistado de noite.
