Ir o contido principal

Peirce, Spinoza, Keynes e Carson súmanse á nómina de autores da Colección Clásicos do Pensamento Universal

A presentación celebrouse nun acto protocolario no Salón Reitoral de San Xerome. Foto: Servimav-USC
A presentación celebrouse nun acto protocolario no Salón Reitoral de San Xerome. Foto: Servimav-USC

A colección Clásicos do Pensamento Universal, coeditada pola USC e a Fundación BBVA, presentou este luns 7 catro novos volumes que poñen de actualidade as achegas de Charles Sanders Pierce, Baruch Spinoza, John Maynard Keynes e Rachel Carson. O reitor Juan Viaño presidiu a presentación na que tamén interviñeron o director da Colección e director da Real Academia Española, o profesor Darío Villanueva, e a directora de Comunicación e Relacións Institucionais da Fundación BBVA, Silvia Churruca Zarasqueta, ademais dos/as prologuistas e traductores.

As obras que se incorporan á colección son Charles Sanders Peirce: Semiótica. Textos selectos, con prólogo de Mª Uxía Rivas Monroy e tradución de Manuel Outeiriño; Spinoza: Ética, demostrada segundo a orde xeométrica, prologada por Luis Rodríguez Camarero e traducida por José Carracedo Fraga e Manuel E. Vázquez Buján; John Maynard Keynes: As consecuencias económicas da paz, cuxo prologo asina Jaime García-Lombardero y Viñas e tradución de Manuel J. Barreiro Gil; e Rachel Carson: primavera silenciosa, de cuxo prólogo é autor Pablo Ramil Rego, mentres que da tradución encargouse o ex reitor Juan Casares Long.

Semiótica.Textos selectos
O volume propón unha mostra representativa das reflexións semióticas de Peirce no contexto da súa produción intelectual, mostrando a evolución ao longo da súa vida das principais ideas que sobre os signos, a semiótica, a lóxica, a filosofía ou o pragmatismo formulou o autor. Estas páxinas salientan, por unha banda, a constancia e continuidade dos temas e eixes principais que constitúen a armazón do seu pensamento e, por outra, os cambios, terminolóxicos e de perspectiva, que algúns destes mesmos temas foron adquirindo co transcorrer do tempo.

Na escolma tamén ocupa un lugar moi destacado a correspondencia con Victoria Lady Welby por constituír a presentación máis sintética do pensamento semiótico de Peirce, onde el mesmo revela o que considera as súas principais achegas semióticas, en particular, e filosóficas, en xeral.

Spinoza
Como sinalan os responsables da edición, A Ética de Spinoza ocupa un lugar senlleiro na historia do pensamento filosófico, semellante ao que ocupan De Revolutionibus de Copérnico ou A orixe das especies de Darwin (publicado nesta mesma colección) no desenvolvemento da comprensión natural do pensamento científico. Na Ética verifícase unha naturalización da teoloxía ao identificarse a Deus coa natureza, concibida de xeito coherente coas ideas e formulacións da nova ciencia, é dicir, sen finalidade algunha.

Spinoza desenvolve tamén unha concepción natural do ser humano, que xa non é contemplado dende a razón, senón naturalmente, dende o desexo e a paixón. Nun senso amplo, e en canto á súa proxección no pensamento moderno, o contido fundamental da Ética corresponde á enunciación dunha nova filosofía moral e natural, na que a virtude, entendida como verdadeira realización dos desexos naturais do home modulados pola lente da razón, coincide coa liberdade e a felicidade.

Keynes
Fronte as reclamacións de indemnizacións contra a Alemaña no marco da Primeira Guerra Mundial, John Maynard Keynes –do grupo de asesores do goberno británico nas negociacións da Conferencia de Paz de París- advertiu os representantes gobernamentais de que tan excesivo comportamento, ademais de tronzar o futuro económico de Alemaña, tería graves consecuencias para o futuro de Europa no seu conxunto. As consecuencias económicas da paz, publicado no mesmo ano de sinatura do Tratado de Versalles e que constituíu un clamoroso éxito editorial axiña publicado a once idiomas, contiña a exposición dos seus argumentos ó respecto.

Como explican o prologuista e traductor do volume, non se trata dun ensaio académico de leccións de economía senón, máis ben, dun alegato a prol do sentido común, no que se mesturan a paixón, a erudición, a crítica, a política e, sobre todo, a economía real. Keynes reflicte o seu malestar e preocupación sobre as duras e, nalgún caso tamén, ambiguas disposicións económicas do Tratado, que acabarían, segundo el, desmantelando a economía de Alemaña e, en última instancia, socavando as perspectivas da paz e da reconciliación. Cando o III Reich invade Polonia o 1 de setembro de 1939, o valor profético da obra de Keynes adquire toda a súa tráxica dimensión.

Primavera silenciosa
Co seu libro, Rachel Carson foi quen de activar o movemento ambientalista como ninguén o fixera antes. A autora describe, con todo fundamento científico, o ataque indiscriminado dos fabricantes de insecticidas e herbicidas contra o planeta —solo, auga, aire e seres vivos—. A crítica de Carson demostrou a ineficacia daqueles produtos no control das pragas pois suprimían os controis naturais e xeraban resistencia nos insectos obxectivo.

A súa inquedanza diante dunha Administración que non garantía á sociedade civil a súa saúde fronte as consecuencias derivadas do uso destes compostos levou a Rachel Carson á primeira plana da actualidade daqueles anos. Preguntábase polos incómodos resultados de enfrontar o ben e a saúde públicas aos grandes intereses comerciais.

Clásicos do Pensamento Universal
Esta colección reúne unha serie de volumes traducidos ao galego dende as linguas orixinais e prologados por figuras destacadas do ámbito científico e académico, a ser posible da propia universidade compostelá. Nos procesos de creación, tradutor/a e prologuista, traballan en estreita colaboración para asegurar a maior coherencia do produto final e así facultar ao lector moderno a penetrar no texto coa guía metodolóxica e a imprescindible contextualización da obra traducida e o seu autor, que ofrece o prólogo introdutorio do especialista.

Clásicos do Pensamento Universal é unha iniciativa que promoven dende 2002 a Universidade de Santiago e a Fundación BBVA estando deseñada, editada e producida integramente polo Servizo de Publicacións e a Imprenta Universitaria compostelá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.03.2016.