Ir o contido principal

Pemade creará sistemas estruturais de madeira e formigón que reducirán nun 50% as emisións de gases de efecto invernadoiro

Imaxe de arquivo dunha clase en Pemade
Imaxe de arquivo dunha clase en Pemade
O proxecto europeo LIFE TIMBER FOR ALL integrará formigón baixo en carbono elaborado con cinzas de biomasa e madeira local certificada de xestión forestal sostible
Lugo

O proxecto LIFE TIMBER FOR ALL, liderado pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) do Campus de Lugo da USC, bota a andar co obxectivo de transformar o sector da construción, responsable dun terzo das emisións globais de gases de efecto invernadoiro (GEI). O proxecto busca un equilibrio entre o uso do formigón e a madeira, harmonizando ambos os materiais para almacenar carbono a longo prazo e reducir significativamente as emisións de GEI asociadas ao formigón e ao aceiro.

Nos vindeiros 49 meses, este proxecto europeo centrarase no desenvolvemento dunha familia de sistemas estruturais compostos de madeira e formigón, que integrarán formigón baixo en carbono elaborado con cinzas de biomasa e madeira local certificada de xestión forestal sostible. Estes sistemas non só buscarán reducir as emisións de GEI nun 50% respecto a estruturas de formigón prefabricado, senón tamén almacenar carbono a longo prazo. Ademais, desenvolveranse certificacións, un pasaporte dixital de produto (DPP) para o rastrexo de materiais e un sistema de créditos de carbono, aplicando os principios da Nova Bauhaus Europea (NEB) para unha construción inclusiva, sostible e estética.

O consorcio está integrado por unha decena de socios, entre os que se atopan universidades, centros tecnolóxicos, empresas da industria da madeira e o formigón, unha axencia forestal e agrupacións industriais sectoriais, garantindo a experiencia e recursos necesarios para alcanzar os obxectivos propostos. Ademais de Pemade, integran o proxecto as empresas do Grupo Rodiñas e Xilonor, a Universidade de Granada, Axencia Galega da Industria Forestal XERA, a Fundación Galicia Constrúe, o Clúster industrial da Madeira e o Deseño de Galicia, o Institut de Tecnologia da Construcció de Catalunya, o Institut d'Arquitectura Avancada de Catalunya e a empresa spin-off da USC 3edata.

Xornada de presentación

Baixo o título ‘Estruturas mixtas madeira-formigón: impulso da construción sostible e industrializada en Galicia’, o Centro de Formación de la Fundación Laboral de la Construcción acollerá a partir das 9.00 horas deste venres, 12 de setembro, unha xornada de presentación do proxecto, así como dos esforzos previos na construción sostible con madeira, a través dos resultados do proxecto LIFE WOOD FOR FUTURE. O programa inclúe unha serie de presentacións e mesas de debate por parte de integrantes do consorcio. Xa en quenda de tarde, realizaranse visitas a obras con forxados mixtos no Centro de Protonterapia de Santiago de Compostela e o Pazo do Piñeiro en Ares, A Coruña.

Manuel Guaita, director de Pemade e coordinador do proxecto, destaca que "este evento marca un fito crucial para o sector. Con LIFE TIMBER FOR ALL, non só estamos a crear solucións innovadoras, senón que estamos a establecer as bases para que a construción sostible e a madeira de proximidade cheguen a toda a sociedade, superando as barreiras existentes e fomentando un impacto ambiental, social e económico positivo".
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.09.2025.