Ir o contido principal

Pemade impulsa unha nova unidade mixta de investigación en economía circular da madeira e construción baixo enerxética

De esquerda a dereita, Varela, Valcárcel, Argerey e Guaita, na EPS de Enxeñaría de Lugo
De esquerda a dereita, Varela, Valcárcel, Argerey e Guaita, na EPS de Enxeñaría de Lugo
A Umi Eixo, na que participan Finsa e Gain, bota a andar na EPS de Enxeñaría da USC para achegar valor ao monte galego e atenuar os efectos do cambio climático
Lugo

A Plataforma de Madeira Estrutural (Pemade) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC impulsa xunto coa empresa Finsa (Financiera de Madera S.A.) e co apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain) a unidade mixta de investigación Eixo, unha iniciativa a través da que se que pretende o desenvolvemento dun modelo de economía circular arredor da madeira para achegar valor e mellorar a competitividade do sector forestal en Galicia, segundo indicou a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, no acto na presentación celebrado este luns na EPSE e no que salientou que esta nova acción está aliñada coa liña de especialización cara a que avanza o Campus Terra.

A nova estrutura científica promovida por Pemade, unha plataforma da USC especializada en I+D+i para o desenvolvemento de produtos estruturais e con experiencia en transferencia de tecnoloxía e formación, nace co dobre obxectivo de contribuír ao desenvolvemento dun modelo de economía circular vinculado ao sector forestal e con capacidade de fomentar a eficiencia enerxética e, polo tanto, mitigar os efectos de cambio climático. A outra das aspiracións coa que bota a andar Umi Eixo é a de consolidarse como unha unidade acaída para achegar valor e competitividade a Galicia, de forma que poida sumarse ao sector da bioeconomía, orientado ao deseño e construción de estruturas máis sostibles.

Calidade da madeira

Mellorar a calidade da madeira no monte, a través do establecemento de métodos que permitan seleccionar masas arbóreas e madeira en monte adaptadas ás características requiridas para o seu uso final, avanzar na optimización dos rendementos e tamén nas tecnoloxías de modificación e ignifugación da madeira, e contribuír á caracterización e posta en valor de especies forestais de crecemento en Galicia, constitúen algunha das liñas nas que traballará Umi Eixo, segundo indicou o catedrático da USC e director de Pemade, Manuel Guaita, na presentación desta unidade mixta de investigación co financiada pola UE no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 e apoiada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Outros dos ámbitos de actuación da nova unidade de investigación arredor da madeira e do sector forestal promovida por Pemade e Finsa están estreitamente ligados coa investigación de produtos estruturais de altas prestacións, así como de elementos de ou con base en madeira acaídos para cerramentos eficientes, a reciclaxe da pegada de carbono ou o desenvolvemento dun proxecto piloto demostrativo para a validación de produtos, segundo se puxo de manifesto este luns na sesión de presentación desta unidade de I+D+i, un acto no que tamén participaron a directora de Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e Javier Portela, en representación de Finsa.

Orzamento

Esta nova alianza estratéxica entre empresa e universidade conta cun orzamento total de 2,15 millóns de euros de investimento público-privado e recibe financiamento do programa Feder Galicia 2014-2020, para desenvolver oito liñas de investigación no período 2018-2021 enfocadas a activar modelos de economía circular vencellados ao sector forestal, mellorando os procesos de transformación da madeira e desenvolvendo novidosos produtos eco innovadores de altas prestacións en madeira e sistemas construtivos de baixa pegada de carbono para a súa aplicación nunha construción eficiente en enerxía, destacou a directora de Gain.

Argerey sinalou asemade que as liñas de investigación da Umi Eixo achegarán valor e contribuirán a un modelo de construción limpo e respectuoso co medio ambiente, a través da transferencia dos resultados da investigación á industria, aportando innovacións e desenvolvementos tecnolóxicos en toda a cadea de valor do sector forestal: dende a obtención da madeira no monte, a súa transformación, valorización, integración en elementos estruturais para a construción, ata a reciclaxe dos materiais ao final da súa vida útil.

Equipo humano

O equipo humano que formará parte desta unidade mixta de investigación con sede no Campus Terra da USC estará formado polo coordinador de Pemade, Manuel Guaita, como investigador principal por parte da USC; Santiago Recamán González, investigador principal en representación de Finsa; Siro Gómez Viñas, coordinador e responsable de calidade e nove investigadores máis contratados para facer viable este proxecto, que conta cunha subvención da Axencia Galega de Innovación a través do Programa Unidades Mixtas de Investigación 2018.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.12.2019.