Ir o contido principal

Pemade, referente europeo no uso climaticamente neutro da madeira co Life EcoTimberCell

Cartaz do proxecto Life EcoTimberCell, liderado por Pemade
Cartaz do proxecto Life EcoTimberCell, liderado por Pemade
O catedrático e director da Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, Manuel Guita, será un dos relatores do foro europeo ‘Climate neutral food and wood’
Lugo

O Life EcoTimberCell, un proxecto promovido pola Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC en colaboración con diversas empresas e entidades e orientado a potenciar a construción en madeira fronte aos sistemas construtivos tradicionais, baseados no uso de formigón, cemento e aceiro, vén de ser recoñecido como una das iniciativas europeas de referencia no ámbito da bioeconomía e o aproveitamento climaticamente neutro da madeira.

A participación do catedrático da USC e director de Pemade, Manuel Guaita, como relator convidado no foro ‘Climate neutral food and wood’, un webinar organizado pola Dirección Xeral de Acción Climática da Comisión Europea (DG Clima) xunto coa Axencia Executiva para as pequenas e medianas Empresas (EASME) que se desenvolverá do 6 ao 9 de outubro, constata o carácter innovador do Life EcoTimberCell, cualificado polos promotores deste evento como un dos proxectos LIFE e Horizonte 2020 de máis éxito no ámbito da bioeconomía e do uso da madeira cun impacto climático neutro .

O desenvolvemento tecnolóxico EcoTimberCell no que traballa Pemade en colaboración co lnstituto da Tecnoloxía da Construción de Cataluña (ITEC) a empresa Betanzos HB e o Centro Tecnolóxico e Forestal da Madeira (Cetemas) ao abeiro deste proxecto Life, que se prolongará ata 2021, ofrecerá alternativas para un sistema de construción diferente do actual, que, en Europa, é responsable do 40% das emisións de CO₂, unha redución de impacto medioambiental á que tamén cómpre sumarlle o capacidade de secuestro de carbono que conserva a madeira empregada.

Alén de explicar como o Life EcoTimberCell pode contribuír a reducir sensiblemente o consumo enerxético nos procesos de construción a través do desenvolvemento de produtos/módulos construtivos de madeira local procedentes da xestión forestal sostible, o director de Pemade tamén salientará outras das vantaxes que reporta este proxecto de investigación en aras ao aproveitamento de refugallos e subprodutos forestais e ao impulso da chamada economía circular.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2020.