Pemade e a spin-off 3edata recuperan alamedas en Granada co Life Madeira para o futuro

A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural (Pemade) da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e a spin-off xurdida no Campus de Lugo 3edata traballarán a prol da recuperación da biodiversidade das plantacións forestais de chopo da Vega de Granada e do uso da súa madeira para unha construción sustentable ao abeiro do proxecto Life Madeira para o futuro, un programa liderado pola Universidade de Granada e dotado con 2.985.886 euros de financiamento, que vén de ser aprobado pola Comisión Europea para avanzar na mitigación dos efectos do cambio climático.
A Confederación de Organizacións de Silvicultores de España (COSE) e a Deputación de Granada completan do consorcio nacional que desenvolverá nos próximos anos este programa Life, financiado nun 55% 55%, a través da Axencia Executiva Europea para o Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente (CINEA).
Bioeconomía circular
Configurado como un mecanismo de bioeconomía circular, o Life Madeira para o futuro (Wood for Future) antóllase como unha ferramenta acaída para fortalecer a cadea de valor da madeira e o uso sustentable da terra, a fin de conxugar o aproveitamento dos recursos naturais e a conservación do medio ambiente. Daquela, o obxectivo global do proxecto é a recuperación das alamedas na Veiga de Granada a través da creación dunha agrupación de ecoprodutores e a valorización da madeira de chopo.
A valorización preténdese conseguir mediante a implantación de modelos silvícolas sustentables de produción de madeira de chopo de calidade, a creación dun esquema de pago por secuestro de carbono que supoña un incremento de renda económica das plantacións de chopo polos seus servizos ambientais, e a creación de sistemas construtivos estruturais innovadores baseados na madeira desta árbore. Estas accións permitirán asemade reducir as emisións de CO2 a través dunha bioeconomía baseada no chopo, desde a súa xestión forestal sustentable até a transformación da madeira en sistemas construtivos innovadores de alto valor, incluíndo a súa comercialización.
A Plataforma de Enxeñaría da Madeira Estrutural da USC, liderada polo catedrático da USC Manuel Guaita, terá un cometido salientable no desenvolvemento de bioprodutos estruturais para a construción contemplado o marco deste proxecto Life, un programa que se ben está localizado nas áreas de 15 municipios da comarca da Veiga granadina nas que a intensificación de cultivos agrícolas desprazaron as poboacións de chopos, aspira a ter incidencia e repercusión alén desa rexión andaluza.
Os promotores do Life Madeira para o futuro, un proxecto con vocación demostrativa e cun compoñente social relevante, xa que busca a implicación de múltiples axentes vinculados ao territorio, desde propietarios, administración pública, empresas, asociacións..., agardan replicar e transferir os resultados deste proxecto a outras áreas de España e da Unión Europea. Así, alén de actuacións concretas, como pode ser a restauración de dous quilómetros de ribeira na Veiga de Granada ou a creación dun viveiro de planta de chopo certificada nesta rexión, o Life Wood for Future tamén atopa entre as súas finalidades o desenvolvemento dunha ferramenta de avaliación da calidade da madeira en toda a cadea de valor ou a incorporación da madeira de chopo na norma EN1912 como especie de carácter estrutural.
