Ir o contido principal

Penúltimo concerto do ciclo de novos intérpretes coa soprano Rosana Domínguez e o guitarrista Rui Cunha

O Ciclo de Novos Intérpretes 2015, o certame galego dedicado a novos intérpretes máis antigo en activo que organizan conxuntamente a USC e a Asociación Galega da Lírica, entra este luns 16 no seu tramo final co penúltimo concerto, o noveno, no Paraninfo da Universidade ás 20.00 horas. A soprano Rosana Domínguez abre o recital cun variado programa con canción española, unha composición sacra e arias de ópera e romanzas de zarzuela. Acompañada ao piano por Vera Pavlova, esta soprano natural de Meaño cantará unha das arias do Magnificat de Bach, unha canción de Joaquín Rodrigo, unha romanza da zarzuela Jugar con fuego de Barbieri e senllas arias de óperas de Mozart (Idomeneo) e Donizetti (L’elisir d’amore). O concerto rematará co guitarrista lisboeta Rui Cunha, que utilizará a guitarra clásica para a Sonata op. 61 escrita para este instrumento por Joaquín Turina e a guitarra barroca para interpretar danzas (canarios, marionas e pasarúas) dos autores españois do século XVII Gaspar Sanz e Francesc Guerau. Rui Grenha, que foi galardoado co primeiro premio no II Concurso Internacional de Guitarra de Leiria, estuda no Conservatorio Superior de Música de Vigo guitarra clásica e instrumentos de corda pulsada do Barroco con José Luis Fernández e Rafael Muñoz.

O próximo e último concerto do ciclo será o 23 de marzo no mesmo Paraninfo e nela actuarán a violinista Carla Fontán, o Trío Erinias –formado por Mathilde Bernard, Cristina Santos e Ana Fernández Anguita– e o Trío Vicus composto por Estefanía Fernández, Sabela Vázquez e Ana fernández Gayoso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.03.2015.