Penúltimo concerto do ciclo Novos Talentos Musicais
Por mor da alerta meteorolóxica desta semana, o programa de concertos de Novos Talentos Musicais que co organizan a USC e Compostela Sound sufriu variacións, de tal xeito que o ciclo rematará o vindeiro 1 de abril. Ademais, este sábado 25 actuará o quinteto de corda Gabost que tivo que anular a actuación deste mércores e máis o percusionista Álvaro Jurado García. Con entrada libre, o concerto será ás 12.00 horas no Paraninfo da Universidade.
Álvaro Jurado
Comezará Álvaro Jurado, acompañado ao piano por Ana Senn Lozoya, cun programa que inclúe as pezas Tchik de Nicolas Martynciow, Grab it! de Jacob TV , e pasaxes do Concert for Marimba & Strings de Emmanuel Séjourné. Álvaro (Vigo, 1994) rematou na súa cidade natal os estudos superiores, ademais de ser alumno da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia.
Foi seleccionado para a bolsa de instrumentistas da Joven Orquesta Nacional de España (JONDE), a Musik Akademie Westfalen Orchestra (Alemania), a Atlantic Coast Orchestra (Portugal), a Orquesta Sinfónica e Coro JMJ (Madrid), a European Union Wind Orchestra (Luxemburgo), a Joven Orquesta de Málaga, a Orquesta Ciudad de Granada e a Sinfónica Vigo 430, entre outras. Como intérprete, estreou en España obras de autores holandeses e estadounidenses. Conta con numerosos premios, entre eles o do Concurso Acordes de Caja Madrid en 2008 e o David Russell na súa VI edición. Pola súa banda, Ana Senn (Pontevedra, 1995) estuda na actualidade no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Como instrumentista formou parte en distintas agrupacións orquestrais en Bovec (Eslovenia), na Clásica de Vigo, na Atlantic Coast de Portugal e na Filharmónica Cidade de Pontevedra. Colabora habitualmente como pianista acompañante co coro E-Ultreia. Realizou ademais unha produción músico-teatral en homenaxe a Satie coa Escola de Arte Dramática de Galicia. Actualmente complementa os seus estudos co Curso de Pedagoxía do Piano en Musikeon e co curso de formación permanente de Psicoloxía da Música impartido pola UNED. Quinteto Gabost A continuación actuará o quinteto Gabost, o único formado por intérpretes non galegos que foi admitido no certame por estudar todos eles na Escola de Altos Estudos Musicais. O grupo de corda interpretará o Quinteto Nº 26, op. 67 de George Onslow. A violinista Garazi Echeandia (Eibar, 1989) graduouse no Centro Superior de Música do País Vasco-Musikene e obtivo os Másteres en Interpretación e en Pedagoxía do Violín no Conservatorio de Bruxelas e o de Música Española e Hispanoamericana na Complutense. Juan Gomollón (Zaragoza, 1991) co seu cuarteto de corda ‘Laukene’ recibe clases do Badke Quartet e o Cuarteto Quiroga. Formou parte de distintas orquestras novas, entre elas a de Euskal Herria, e colaborou coas Sinfónicas de Bilbao e de Euskadi. A viola Ane Aguirre (San Sebastián, 1994) estuda tamén en Musikene, onde finaliza os estudos superiores para vir a Santiago a realizar o Curso Avanzado da Escola da Real Filharmonía de Galicia. Formou parte de orquestras novas como as de Holanda, País Vasco e Nacional de España e hoxe pertence á bolsa de instrumentistas da OSE e da Gustav Mahler Jugendorchester. A violonchelista Agate Amilibia (Amorebieta, Vizcaya, 1994) estudou no Conservatorio Superior do País Vasco (Musikene) e formou parte da Xoven Orquestra de Euskadi e da Nacional de España. Colaborou tamén coa OSE (Orquestra Sinfónica de Euskadi). Por último, o contrabaixista Amador del Pozo (Fuengirola, Málaga, 1993) estudou no Conservatorio Superior de Música de Málaga e hoxe é alumno de Carlos Méndez na EAEM. Participou na Xoven Academia Instrumental da Orquestra Ciudad de Granada e na Academia de Estudos Orquestrais da Fundación Barenboim-Said, entre outras, e colaborou coa Sinfónica Provincial de Málaga e a Filharmónica de Málaga.