Performances na rúa para concienciar sobre a violencia contra as mulleres

Como parte práctica da materia Socioloxía da Educación que imparte na USC o profesor Jorge García Marín, as rúas de Compostela converteranse este mes en escenarios improvisados no que os e as futuras docentes de Educación Primaria e Infantil tentarán dar voz ás mulleres que loitan cada día pola igualdade.
Farano en 17 performances sobre a subordinación feminina, na que o alumnado expresará con diferentes narrativas a súa condena da “grave violencia física e simbólica exercida nesta época contra as mulleres”.
As representacións darán comezo o mércores 9 ás 10.00 horas nas escaleiras do Arco do Arcebispado con 'Cómo reaccionan as persoas ante a violencia de xénero?' e continuarán pola tarde na Praza Roxa, no Obradoiro, en Xoán XXIII e no centro comercial As Cancelas coas performances 'Machismo invisible', 'Labios de sangre', 'Desenjáulate' e 'Xoguetes'.
Xa o xoves 10 as pezas serán pola tarde comezando en Cervantes -'La bella y la Bestia (Te quiero, pero no más que a mi vida)' e 'A la carta' para logo ir á Quintana con 'Moratóns intanxibles' e ao Obradoiro -'Ponte na súa pel', 'Príncipes azules y esclavas rosas?' e 'Felizmente casada'-. A xornada rematará ás 20.00 horas na Rúa de San Francisco con 'Lapidación en plena rúa'.
‘Una mujer para vender’ é o título da performance do sábado 12 ás 17.00 horas na Quintana. O ciclo rematará o xoves 17 pola tarde con catro pezas –'Nin voz, nin voto, nin clítoris', 'Rebelión na pantalla: non sexas máis unha marioneta mediática', 'Socionoticias' e 'Hora de espertar'- na Quintana Obradoiro e Praterías, respectivamente.