Ir o contido principal

O período de presentación de recursos contra as candidaturas electas esténdese do 25 de febreiro ao 7 de marzo

A participación nas eleccións ascendeu a un 14,05% dun censo composto por 27.379 persoas. FOTO: Santi Alvite
A participación nas eleccións ascendeu a un 14,05% dun censo composto por 27.379 persoas. FOTO: Santi Alvite
A proclamación provisional nas eleccións a reitor, representantes no Claustro e de estudantes nas Xuntas de Centro fíxose pública este xoves 24
Lugo, Santiago de Compostela

A proclamación provisional este xoves 24 das candidaturas electas nas eleccións a reitor, representantes de todos os sectores do Claustro Universitario e de estudantes nas Xuntas de Centro, abre paso ao período de presentación de recursos ante a Comisión Electoral Central entre o 25 de febreiro e o 7 de marzo. O 9 de marzo terá lugar a proclamación definitiva das candidaturas electas. Toda a información relativa ao proceso pode consultarse na web das eleccións.

Nos comicios que se desenvolveron por vía electrónica este mércores 23, o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario, Antonio López, foi reelixido reitor logo de obter 1.636 votos. A participación nas eleccións ascendeu a un 14,05% dun censo composto por 27.379 persoas. En concreto, no sector I, profesorado doutor con vinculación permanente, a participación foi lixeiramente superior ao 77%; seguido do sector do Persoal de Administración e Servizos (sector IV) que superou o 60%. Nas restantes categorías do PDI (sector II), a participación ascendeu ao 34,01%; mentres que no caso do alumnado (sector III) situouse no 6,36%.

No sector I para as eleccións ao Claustro, rexistráronse 708 votos cunha participación do 83,79%. No sector II, a participación foi do 42,22% con 301 votos emitidos. No sector III, emitíronse 865 votos, o que conforma unha participación do 8,30%. Finalmente, o sector IV contou cunha participación do 63%, o que implica un total de 1.001 votos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.02.2022.