Ir o contido principal

O persoal directivo e orientador dos centros galegos de ensino medio reúnese un ano máis con responsables da USC para coñecer as novidades para o vindeiro curso

A décima edición das xuntanzas anuais con persoal directivo e orientador de centros de Ensino Medio de toda Galicia terá lugar este mércores 21 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Nesta reunión planifícanse as actividades que o programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC vai poñer en marcha no presente curso e dáse conta das últimas novidades da USC e das probas de acceso á Universidade. Abrirá a sesión ás 11.30 horas o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet. Intervirá ademais na benvida a concelleira delegada de Educación e Normalización Lingüística de Santiago, Rebeca Domínguez Iglesias. A continuación tomará a palabra o coordinador do programa A Ponte, Luis Hervella, que comentará as accións a desenvolver este curso. Na xuntanza explicaranse algunhas das novidades da Universidade compostelá para o curso 2013-2014 como os novos títulos propios ou accións dedicadas á integración na USC do alumnado con discapacidade. O Museo de Historia Natural, o posgrao e a formación continua e as probas de acceso á Universidade serán outros puntos da orde do día. Para tratar todos estes temas contarase coa colaboración de persoal da Oficina de Integración e Participación Universitaria e da Vicerreitoría de Estudantes e Formación Continua, ademais da directora do Museo de Historia Natural, Mabel Fraga, e do representante da USC na CIUG, Jaime Romero.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2012.