Persoal experto de diversos ámbitos científicos estuda a banca pública como alternativa ao actual modelo financeiro
Diversos grupos de investigación da USC dos ámbitos da economía, finanzas, dereito, política, xenómica e ecoinnovación reuniranse este venres 27 para tratar de vaticinar o sistema financeiro e de innovación que quedará tras a crise á vez que estudarán a banca pública como alternativa. O seminario, de entrada libre, dará comezo ás 9:30 horas coa intervención do catedrático de Economía Aplicada Xavier Vence sobre a crise financeira, a quen lle seguirá outra charla sobre o impacto das caixas de aforro na dinamización do tecido produtivo galego. A reforma do sistema financeiro, o capital risco como instrumento para a innovación ou a banca pública como alternativa ao modelo financeiro actual serán outras cuestións a tratar no encontro que remata ás 13:30 horas coas conclusións e recomendacións para un sistema financeiro ao servizo da economía produtiva e a innovación. O seminario está organizado pola Rede REPENSeI (Regulación, Estratexias e Políticas para a Emerxencia de Novos Sectores Innovadores) para a investigación sobre os factores determinantes da emerxencia de novas actividades innovadoras e para o deseño de estratexias que contribúan á emerxencia de novos sectores, especialmente os baseados na ciencia. Integran esta rede os grupos da USC Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento (ICEDE); de Valoración Financeira Aplicada (VALFINAP); do Instituto de Dereito Industrial (IDIUS); o IUS PUBLICUM de Dereito público, Economía, Política e Sociedade; de Medicina Xenómica; e de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos, coa colaboración do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela. Todos eles grupos que combinan a capacidade investigadora e de publicación co asesoramento ás administracións e ás empresas.