O persoal investigador e de apoio á investigación da USC accederá á carreira profesional horizontal

A Universidade de Santiago de Compostela artellará un sistema extraordinario de encadramento no grao da carreira profesional horizontal do persoal investigador e do persoal de apoio á investigación, no que supón a primeira iniciativa deste tipo impulsada por unha universidade no conxunto do Estado, así como a primeira entre as institucións científicas galegas. O texto asinado este mércores 17 no Colexio de San Xerome polo xerente Javier Ferreira e representantes das organizacións sindicais susténtase no compromiso de garantir o desenvolvemento profesional do persoal de investigación aliñándoo co mantemento da excelencia da actividade investigadora, previa avaliación positiva do desempeño profesional. O acordo acadado é froito das negociacións con Comisións Obreiras (CCOO), Central Sindical e Independiente de Funcionarios (CSIF) e Unión General de Trabajadoras y Trabajadores (UGT).
Con este acordo culmínase un proceso iniciado xa no primeiro mandato do reitor Antonio López Díaz que tiña como obxectivo recoñecer o labor desenvolvido polo persoal investigador da Universidade nas dúas últimas décadas, esquecido na maioría das institucións universitarias do Estado español. Este proceso de recoñecemento contou con varios fitos fundamentais ao longo dos últimos anos froito do traballo polo diálogo e a aposta polo acordo e consenso. Así, o colectivo investigador viu como esta política de persoal nova tomou forma dende o inicial recoñecemento de más de 110 persoas como persoal laboral fixo, ata a subscrición do acordo de 2020 sobre categorías e condicións laborais, culminado agora con este acordo que equipara o recoñecemento co resto de persoal, tanto docente como o técnico e de administración e servizos.
A negociación entre USC e sindicatos permitiu establecer e desenvolver un sistema de carreira extraordinario, cun mecanismo de encadramento no grao da carreira profesional horizontal correspondente, ligado ao tempo de servizos prestados, á pericia profesional acumulada e aos méritos nos ámbitos de investigación, de innovación, de formación, de desenvolvemento experimental, de xestión ou de transferencia de coñecemento, segundo o perfil investigador ou de apoio á investigación por parte das persoas traballadoras da Universidade.
“Consideramos que este é un paso moi importante que non ocorre no resto do Estado”, destacaron dende CCOO. Pola súa parte, UGT puxo o foco en que o texto acordado “dálle visibilidade a un colectivo amplo tanto en cantidade como en calidade”. CSIF destacou na mesma liña que este é un pacto “moi importante” para este colectivo malia que “aínda que se debe seguir mellorando” na consecución dos seus dereitos. Ademais do xerente, asinaron o acordo Miguel Hermida Prieto, en representación de CCOO, Pilar Expósito Díaz do CSIF e José Ramón Bahamonde Hernando de UGT.
Catro graos
O sistema de carreira profesional horizontal transcorrerá en catro graos aos que se poderá acceder tras un período de permanencia no grao inmediatamente anterior. Así para o acceso ao Grao I serán precisos seis anos de servizo desde o ingreso na USC; para o acceso Grao II, seis anos desde a adquisición do grao I; para o acceso Grao III, seis anos desde a adquisición do grao II; e para o acceso Grao IV, seis anos desde a adquisición do grao III. Os graos que se adquiran aboaranse mediante unha retribución complementaria de carácter fixo que se percibirá exclusivamente na situación de servizo activo.
O sistema extraordinario implica un proceso de encadramento no grao que lle corresponda a cada traballador ou traballadora, tendo en conta o tempo de servizos prestados de forma continuada ou interrompida na USC en categorías de persoal investigador ou de apoio á investigación con contratos financiados con fondos finalistas, en cada un dos grupos ou subgrupos que figuren na súa traxectoria profesional dentro da Universidade, dando lugar ao recoñecemento do grao correspondente en cada un dos grupos polo que transitou. O encadramento realizarase mediante unha convocatoria inicial extraordinaria que se resolverá no prazo máximo de catro meses desde a finalización do prazo de solicitudes.