As persoas que len as etiquetas nutricionais mantéñense máis delgadas

A Universidade de Santiago de Compostela participou, coas universidades de Tennessee e Arkansas (EE UU) e o Instituto de Investigación de Economía Agrícola de Noruega, nun estudo sobre a relación entre a lectura do etiquetado nutricional e a obesidade do que se fai eco SINC. Os resultados indican que a diferenza entre as mulleres que len as etiquetas e quen non o fan é de cerca de catro quilogramos. Segundo o estudo, quen vive na cidade –o 49% da mostra–, é a que máis ten en conta o etiquetado nutricional, así como as persoas con estudos de ensinanza media e universitarios. Por sexos, o 58% dos homes le habitualmente ou sempre a información presentada nas etiquetas nutricionais, mentres que esta porcentaxe se incrementa ata o 74% nas mulleres. “O impacto asociado, en xeral, é maior nas mulleres que nos homes”, engade a profesora da USC María Loureiro, autora principal do estudo que publica a revista Agricultural Economics. En termo medio, as mulleres que len a información nutricional teñen un índice de masa corporal 1,48 puntos menor, mentres que esta diferenza é só de 0,12 puntos en homes. O equipo puido comprobar tamén que a poboación fumadora examina moito menos esa información. “ O seu estilo de vida contén certos hábitos pouco saudables e como consecuencia os nosos resultados indican que pode ser que non se preocupen tanto do contido nutricional do que comen”, explica Loureiro. A investigadora da USC móstrase segura de que este estudo “pode ser empregado como un mecanismo de prevención da obesidade”. “Se len máis as etiquetas nutricionais as persoas que viven nun ámbito urbano, con educación media ou alta, poderían deseñarse campañas ou políticas públicas que promovan, por exemplo, o uso do etiquetado nutricional en menús de restaurantes e outros establecementos públicos para que se beneficie a poboación que come habitualmente fóra de casa”, conclúe Loureiro. A investigación toma como partida a enquisa anual National Health Interview Survey (NHIS) realizada polo Centro Americano para o Control e Prevención das Enfermidades e dela recolléronse 25.640 observacións con indicadores de saúde, hábitos de consumo e compra.