Ir o contido principal

A pianista Elsa Muñiz presenta en concerto o seu primeiro traballo Memories

A pianista Elsa Muñiz presenta en concerto o seu primeiro traballo Memories
A pianista Elsa Muñiz presenta en concerto o seu primeiro traballo Memories

A pianista, compositora e alumna da USC Elsa Muñiz Hermo presenta en concerto este martes 27 as sete pezas que integran o seu primeiro traballo discográfico Memories. O recital, de entrada libre, terá lugar ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade.

‘Angrois’, ‘Presentimiento’, ‘Vals sentimental’, ‘Jazz inspiration’, ‘Varsovia’, ‘Cuando todo está perdido’ e ‘Esperanza de papel’ son as pezas que componen un álbum que, tal como indica o título, pretende recoller as súas vivencias tanto musicais como emocionais. Son sete obras que a pesar de que se atopan maioritariamente dentro dun estilo clásico, a excepción de ‘Jazz inspiration’, son completamente diferentes unhas das outras, tendo cada unha un signo de identidade propio.

Elsa Muñiz Hermo Desde moi pequena, Elsa Muñiz amosa interese pola música e aos seis anos empeza a asistir a clases de piano. A súa formación profesional pasa por conservatorios e universidades de Galicia e do estranxeiro. Comeza no Conservatorio Profesional de Ribeira co Grao Elemental e Profesional en Piano para logo realizar o Grao Superior no Conservatorio de Música de Vigo e na Universidade de Música Fryderyk Chopin de Varsovia, institución esta última na que ampliou a súa formación pianística a través de estudios de posgrao.

O gusto pola ensinanza e a pedagoxía tamén afloran desde a súa infancia, de maneira que decide combinar os seus estudos musicais coa formación pedagóxica na Universidade de Santiago de Compostela a través do Grao en Mestre de Educación Primaria, con Mención en Educación Musical e Inglés.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.11.2018.