Ir o contido principal

O pianista Mario Mora pecha este luns o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ cun concerto no auditorio da Casa do Saber

Mario Mora
Mario Mora
A actuación, programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, comezará ás 20.00 horas. A entrada é libre e de balde para todo o público interesado

O pianista conquense Mario Mora pechará este luns o ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira’ cun concerto, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo. A actuación de Mario Mora, un dos intérpretes seleccionados para participar no programa AIEnRuta, un circuíto de música clásica destinado a novos intérpretes promovido pola Asociación de Artistas, Intérpretes ou Executantes (AIE) de España, é de acceso libre e de balde, como todas as actividades programadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo.

Nacido en Cuenca en novembro de 1989, Mario Mora comezou aos oito anos os seus estudos musicais na especialidade de piano no Conservatorio Profesional de Música de Cuenca, para logo realizar numerosos cursos de perfeccionamento en España, Francia, Austria e Italia con prestixiosas personalidades do piano.

Na súa aínda curta traxectoria como pianista, Mario Mora ten colleitado non poucos recoñecementos no panorama nacional e internacional. En 2013 finalizou os seus estudos de Master na Royal Academy of Music de Londres con matrícula de honra e Premio Extraordinario ao mellor recital fin de máster, baixo a tutela do profesor Pascal Nemirovski e co patrocinio de Krein Scholarship e Santander Universities UK. Antes diso, licenciouse tamén con matrícula de honra nas especialidades de Piano e Pedagoxía do Piano no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.

Gañador do Premio Kawai no prestixioso Concurso Internacional Premio Iturbi 2015 de Valencia, Mario foi tamén gañador nos Premios Making Music para Novos Concertistas 2013 en Inglaterra, ademais de obter o Primeiro Premio no Concurso Permanente de Mocidades Musicais de España, Girona (2012), o Primeiro Premio no III Concurso Internacional de Piano de Lagny, Francia (2011) e o Primeiro Premio no XV Concurso de Piano Loewe-Hazen ‘Infanta Cristina’, Madrid (2010). Antes destes, foi galardoado con máis doutros de trinta premios nacionais e internacionais.

Logo de debutar con tan só 15 anos como solista coa Nova Orquestra de Cuenca, Mora interpretou diversos concertos e recitais en Austria, Francia, Italia, ademais de en numerosas cidades españolas, participando como convidado en diversos actos e na gravación de varios CDs.

Repertorio

O repertorio do concerto que Mario Mora ofrecerá este luns 21 de maio no auditorio da Casa do Saber de Lugo inclúe obras de grandes compositores como o son Schubert, Albéniz e Liszt.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2018.