Ir o contido principal

O pianista Pierre Delignies ofrece este martes un concerto do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2015’ na Casa do Saber

Pierre Delignies
Pierre Delignies
A actuación, durante a que se interpretarán composicións de Debussy, Albéniz e Prokofiev, comezará as 20.00 horas. A entrada é libre e de balde ata completar aforo

O pianista cántabro Pierre Delignies ofrecerá este martes 24 de febreiro, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Casa do Saber da USC en Lugo, un concerto de música de cámara durante o que interpretará composicións de Claude Debussy, Isaac Albéniz e Sergei Prokofiev.

O concerto de Pierre Delignies é o segundo dos previstos no marco do ciclo ‘Músicas a carón da Mosqueira 2015’, unha iniciativa a prol da difusión da música clásica, fundamentalmente no apartado de cámara, programada ao abeiro do convenio Lugo Cultural e en colaboración coa Asociación de Intérpretes e Executantes. Pierre Delignies, que vén de recibir en 2014 a ‘Mención de Alumno máis Sobresaínte’ da cátedra de Piano da Fundación Banco Santander da Escola Superior de Música Reina Sofía, conta xa cun ampla experiencia como intérprete. Cómpre sinalar neste senso que Delignies ten ofrecido recitais no Concello de San Sebastián, Fundación Eutherpe e Fundación Botín e no Festival Musika-Música de Bilbao. Como músico de cámara, este pianista mozo formou tríos e dúos, cos que participou no Festival de Música “Quincena Musical” de San Sebastián en varias ocasións. Tamén colaborou coa Joven Orquestra Nacional de España en encontros de música de cámara e sinfónicos, o que o levou a actuar en salas de Francia e España, e no Festival de Música Contemporánea de Alacante. Debutou como solista con orquestra baixo a batuta do director Paul Murphy coa Orquestra Sinfónica de Musikene no Teatro Victoria Eugenia de San Sebastián. En 2013 participou no Festival Internacional de Santander coa Joven Orquestra de Cantabria, baixo a dirección de Jaime Martín, e en 2014 participou no Encontro de Música e Academia de Santander.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.02.2015.