A pianista Rosalía Gómez Lasheras leva a Bach, Mozart ou Albéniz ao Paraninfo da Universidade

A pianista Rosalía Gómez Lasheras leva a Bach, Mozart ou Albéniz ao Paraninfo da Universidade, na Facultade de Historia, nun concerto que se celebrará o vindeiro luns 5 de maio ás 20.00 horas, organizado pola vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación CampUSCulturae e a escola de música Berenguela. Así nunha primeira parte do concerto, Rosalía Gómez interpretará o Preludio e fuga en Fa Menor de J.S. Bach, a Sonata nº 13 en Si bemol maior de Mozart e a Sonata Fantasía de Scriabin. Na segunda parte a pianista interpretará o Preludio e fuga en Fa menor, de Shostakovich, o Corpus Christi de Albéniz e o concerto rematará coas variacións sobre un tema de Paganini, de Brahms. Rosalía Gómez Lasheras Despois de comezar os seus estudos de piano aos cinco anos con Alexander Gold e María José cerviño, en 2011 Rosalía Gómez obtivo o Premio Extraordinario do Conservatorio de Santiago de Compostela e actualmente estuda no Utrechts Conservatory. Gañou numerosos primeiros premios en recoñecidos concursos nacionais e internacionais como o XVI Concurso de Piano Infanta Cristina (Madrid, 2012), o XV Cicle de Primavera (Barcelona 2012), o Premio Chopin no VII Concurso de Piano Alto Minho (Portugal, 2010) ou o Young Pianist Foundation Competition (Amsterdam, 2012). Conta cunha ampla experiencia como solista con orquestras como a Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Presjovem, Orkestacademie e Noord Nederlands Orkest, destacando a súa interpretación do Concerto Jeune-Homme de Mozart baixo a batuta de Philippe Herreweghe.